«Queremos crear un espazo de exposición permanente»

OURENSE CIUDAD

Vinte obras artísticas de pacientes de Toén forman parte da exposición Pinacoteca Psiquiátrica en España

06 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Alcira Cibeira (Caracas, 1974) é psiquiatra no hospital Cabaleiro Goás dende o 2007, pero acumula experiencia laboral no Complexo Hospitalario de Ourense dende o 2001. É o enlace ourensán da exposición «Pinacoteca Psiquiátrica en España, 1917-1990», que organiza a Universitat de València.

-¿En que consiste o proxecto?

-Con nós púxose en contacto Ana Hernández, comisaria da exposición, que leva dende os 80 facendo traballo de recompilación de obras de pacientes psiquiátricos, obras en España, onde non había nada feito; fixérase algunha exposición, pero de pacientes europeos. Coñeceu que neste hospital había un obradoiro que funcionaba dende facía anos e veu coñecelo.

-¿Cal é a participación de Toén?

-O que enviamos foron 20 obras de pacientes. O noso hospital inaugurouse no 59 e os talleres de laborterapia funcionan practicamente dende o principio; no 76 empeza o taller de artes plásticas, con Florencio de Arboiro, mestre de taller que se xubilou o ano pasado; estivo despois Andrés Parada, que aínda segue. Cos pacientes facían terapia ocupacional, que daquela chamábase laborterapia. Como se conservaban obras, mandáronse a Valencia para a exposición.

-¿Arte, manualidades?

-Nos anos 60 o que facían era artesanía pero, dende que empezou o taller de artes plásticas, deuse máis capacidade para a creatividade. As obras que se enviaron están máis relacionadas con isto: 12 pinturas, 4 baixorrelevos en madeira e esculturas en arxila e madeira. O que fixo a comisaria foi clasificar a exposición por temas, en oito seccións: o primitivo e o alleo; xeometrías, arquitecturas, máquinas e outros inventos; ánxeles e demos; pictoescritura; alienista-alienado; escenas hospitalarias; melancolía; localización da loucura: a cabeza como alegoría; soños, delirios e monstros.

-¿É unha selección artística ou médica?

-Nesta exposición o máis importante non é o valor psicopatolóxico da obra, a información psicopatolóxica que pode dar a obra, senón unha leitura cultural das obras, valórase máis a representación artística de cada unha das obras que a etiqueta psicopatolóxica.

-¿Cales son os fondos artísticos de Toén?

-Nos últimos anos o taller practicamente non se utilizaba como terapia, estaba máis como espazo de ocio. Nós xa non pillamos esa época dourada dos 70. Cando chegamos vimos que había moitas obras por todo o hospital; o que fixemos foi inventarialas e o que queremos é crear un espazo de exposición permanente; agora mesmo están no edificio dos talleres e en diferentes dependencias do hospital, colgadas en salas, entrada, pasillos, pero inventariadas. Tamén queremos facer, porque hai varios pacientes que produciron bastantes anos, unha publicación coas obras máis destacadas. O último proxecto é que esta expo de Valencia veña aquí; estamos buscando financiación para traela no 2010.