«Queremos dar unha imaxe de facultade máis innovadora»

Jesús Manuel García

OURENSE

Con 35 votos a favor, 8 en contra e unha abstención, a profesora Alén converteuse na cuarta decana da facultade

18 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Doutora en administración e dirección de empresas e profesora, Elisa Alén imparte asignaturas de organización de empresas e márketin. Como nova decana só terá exención parcial, logo seguirá como docente máis o novo cargo.

-¿Con qué ánimo chega a decana?

-Afronto esta etapa co meu equipo moi ben, con moita ilusión por facer cousas pola facultade e presentamos un proxecto de futuro.

-Preparar o novo grao ha de ser un gran reto ¿non si?

-A curto prazo imos focalizar os nosos esforzos en sacar adiante ese novo grao. O que pasa é que non podemos centrarnos ao 100% nel porque temos dous graos que se implantan este ano e teremos que seguir traballando neles. A medio prazo, queremos dar unha imaxe de facultade máis innovadora, de que se fagan máis cousas, intentar proxectarnos máis porque temos moitas potencialidades e que quizás os estudantes non son moi conscientes delas.

-Esta facultade ten moito que dicir nesta provincia.

-E pensamos que no futuro teña moito máis que dicir. Queremos transvasar a fronteira provincial e proxectarnos cara fóra.

-Dispoñen de conexión cun amplo tecido empresarial.

-Si e agora parece que se abren novas posibilidades, senón de xeito directo si indirecto, como ese proxecto de IBM. Todo, por pequeno que sexa, ten posibilidades que nós podemos intentar capitalizar a nivel de facultade e todo vai sumando.

-¿Teñen xa data para rematar a memoria do novo grao en Empresariais?

-De momento non porque o proceso vai ser de dous meses pero polo tema do proceso electoral respectaron ese proceso intermedio no que a equipa saínte aínda está en funcións e aínda non hai decano porque ata que me nomeen a min poden pasar uns poucos días. O decano saínte díxonos que sobre isto hai unha reunión para o martes que vén. Entendo que nela a vicerreitoría informaranos dos prazos cos que xogan. Eu espero que conten dous meses a partir de que nós esteamos en disposición de dirixir a facultade. O novo grao esixe unha reflexión colectiva sobre a sús orientación para que, produza efectos sinérxicos coas outras dúas titulacións, Turismo e Administración e Dirección de Empresas.

-¿Que día será nomeada polo reitor?

-En principio esperamos que como moi tarde veña o nomeamento o vindeiro martes porque agora o secretario leva a proposta a Vigo e o reitor ten que facer o nomeamento oficial.

-¿Hai algunha reforma que facer no edificio polos novos graos?

-Estanse a facer obras nunha ala do edificio para impartir docencia de posgrao e reformular os laboratorios. Esperemos que con iso sexa suficiente. A equipa saínte ten proxectado que algúns despachos individuais se fagan colectivos con paneis que se podan mover para permitir a versatilidade dos espazos porque o problema témolo coas titorías pequenas nunha docencia máis personalizada.

-O novo sistema de ensino obrigará ó alumno a debater co profesor en titorías, previo traballo pola súa conta...

-Por aí vai a cousa. Nas titorías planifícase o traballo e farase un seguimento. Os estudantes terán docencia maxistral ofrecéndolles os conceptos teóricos, despois hai docencia en pequenos grupos de prácticas e en grupos aínda menores para traballar cousas concretas.