O Centro de Cultura Popular do Limia publica a Lenda da Lagoa de Antela para nenos

Jesús M. García

OURENSE

Unha nova publicación acaba de saír na Limia. Trátase dun pequeno libro en formato de peto e moi alongado que leva por título A Lenda da Lagoa de Antela . O texto é de Delfín Caseiro, as ilustracións correron por conta de Rebeca González e a axuda económica veu da Xunta de Galicia. Son 28 páxinas cun textiño en galego referente á lenda dunha lagoa fermosa xunto á que moran o Albán e a Saínza, na aldea de Cardeita, moi pertiño da Lagoa. Cada pequena páxina deste libriño ten unha cor distinta e na meirande parte das páxinas impares atópanse os debuxos de Rebeca que son moi suxerentes desta parte da comarca limiá.

O produto editorial ten moita cor e entra pola vista grazas ó seu deseño. Fará ilusión non só ós cativos senón ós adultos. No programa cultural de Xinzo estaba previsto presentalo esta mesma semana pero non pode ser debido a que o autor do texto estase a recuperar dun problema de saúde. O libro vén a sumarse ás publicacións que sobre a comarca se foron facendo nos últimos tempos. O desecamento da Lagoa de Antela xa cumpriu medio século pero foi este humedal fonte de unha importante cultura inmaterial nas xentes limiás.