«Traballar con Baltar é difícil porque o acapara todo»

OURENSE

13 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de catorce anos como alcalde de Muíños e seis como deputado provincial, Plácido Álvarez da un salto na súa carreira política para converterse en vicepresidente primeiro da Deputación e portavoz do grupo de goberno en substitución do novo delegado da Xunta, Rogelio Martínez. Como o «municipalista convencido» que di ser, promete defender os intereses dos concellos ourensáns.

-¿Como valora o traballo que deixa o seu predecesor?

-Traballar con Baltar é difícil porque acapara todo e quere estar en todo. É difícil traballar con el pero Rogelio non tivo problemas que transcenderan ou polo menos eu non o coñezo. Espero estar a altura das circunstancias e ofrezo a meu respecto e colaboración a PSOE e BNG porque o meu estilo é o de colaborar e non o de enfrontarme.

-Polo que di, parece que o cargo de portavoz é unha simple extensión de Baltar.

-O que hai que entender é que o estilo Baltar é o estilo Baltar, como no seu momento foi o de Fraga, o de Felipe González, actualmente o de Zapatero e en breve o de Feijoo, pero como Baltar leva moitos anos no cargo a algún indixéstaselle. O desexable é o traballo en equipo, pero a soidade da decisión é de quen é. De todas maneiras, o presidente ten dito que ata agora tiña moito tempo que dedicarlle o Pazo Provincial dado que a Xunta non o recibía, o que é unha falta de respecto institucional evidente, pero agora mesmo terá que pelexar por moitas inversións para Ourense e, polo tanto, os deputados poderán dedicarse ós traballos que facía el ata agora.

-¿Cómo é a súa relación persoal co presidente?

-Moi boa. Creo que teño unha amizade persoal con el desde hai moito tempo, cando empezamos na política. De vez en cando hai discrepancias porque os dous temos un carácter especial, pero hai aprecio persoal e político.

-¿Cales deben ser os retos da Deputación no novo escenario político?

-Penso que hai que sacar do caixón o plano estratéxico e deixarse de demagoxias. Iso e outras moitas obras que vaian surxindo. Temos que deixar de lamentarnos e de choriqueos e tirar da provincia para que saiamos adiante. Agora, de momento, hai que deixar asentarse aos nosos conselleiros pero despois o grupo provincial vai pelexar para que todas esas obras e servizos que nos fan falta saian adiante.

-¿Cree que é necesaria unha reforma das deputacións?

-Si algo teño claro é que as deputacións non son necesarias, son imprescindibles, sobre todo para provincias como a nosa, con 92 concellos, sendo a maioría de menos de 5.000 habitantes, e onde a participación dos ingresos do Estado en vez de subir, merma. Que hai que adaptalas aos novos tempos, estou de acordo. Probablemente se as inversións foran en colaboración das distintas administracións públicas mellor nos iría a todos. Nos próximos anos, espero que máis pronto que tarde, quizais se poida conseguir.