«Gravo todas as conferencias que hai na Universidade»

EDUCACIÓN

Seguramente moita xente o vexa durante estes anos por distintos lugares do campus de Ourense. Os alumnos roldando polos corredores e o resto das persoas ao inicio de calquera conferencia no campus. O ourensán Víctor Lorenzo leva dous anos cunha bolsa da Universidade de Vigo para a realización de distintos traballos audiovisuais.

-¿Canto tempo leva realizado este traballo?

-Levo cunha beca da Universidade de Vigo no campus de Ourense dous anos. Trátase dunha bolsa dun ano e é renovable.

-¿É a única persoa que desempeña esta función?

-Si, no campus de Ourense estou eu so.

-¿Cales son as súas funcións?

-Fago o mantemento do servizo de videoconferencias e gravo todas as conferencias que ten lugar na Facultade de Dereito e ás veces noutras. Logo as subo a un servidor común.

-¿Pódense consultar todas sempre que se queira?

-Non pode entrar no servidor o que queira. É necesario pedir antes unha autorización.

-Vostede é o que se encarga de que todo o material tecnolóxico estea en orden e funcione.

-Si, somente do que ten que ver co audiovisual. E de colocar nos actos a infraestrutura necesaria para que todo funcione.