Marcos Valcárcel, entre amigos

Jesús Manuel García redac.ourense@lavoz.es

OURENSE

30 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ateigado de amigos estaba onte o Salón Nobre do Liceo. Xente sentada e moitos de pé. Había que acompañar a Marcos Valcárcel na presentación do seu libro Historia de Ourense . Viñeron xentes de toda Galicia e de tódolos eidos, sobre todo da cultura, do ensino, e da política. Desde Xosé Luís Baltar ata Xosé Manuel Beiras , desde Manuel García de Buciños ata Xesús Alonso Montero pasando por Luis Tosar e tantos outros. Unha boa representación de xentes tamén da cidade. Marcos entrou na sala cun gran e longo aplauso. O libro. Presentóullelo o tamén profesor Alfonso Vázquez Monxardín , xogando coa etimoloxía do libro e da liberdade. «Pesa pouco para ser un libro de historia, ten moitas fotos de caras e lugares coñecidos. É de nós de quen fala», dixo. Falou tamén o editor de Xerais, Manuel Bragado . Alí díxose que Marcos falta na relación de personaxes da historia ourensá dese libro. Monxardín definiu a Marcos coma «un cesteiro pois tece e ensina este cronista non oficial da cidade. A neve no acto. Por culpa dela faltou o alcalde, Francisco Rodríguez , que quedou retido en Riós. O seu discurso leuno a concelleira Ana Garrido . «Eres un ourensán de luxo», di ese discurso. «nesta historia descobres dun xeito maxistral e sinxelo o que moitos aínda non saben ou se limitan a coñecer de oídas», engade. Agradecemento. Valcárcel dixo que ofrece unha síntese da historia da cidade. «É un libro divulgativo, sinxelo, humilde, dunha terra de grandísimos escritores e historiadores. Neste libro fálase das vítimas» e engadiu que a de Ourense «é unha historia dunha dignidade moi profunda». O Concello regaloulle unha peza de Buciños.

A segunda parte deste homenaxe aconteceu no San Miguel, onde hai días que xa non quedaban entradas para participar na cea de agasallo a Marcos Valcárcel. Un acto ledo e emotivo.