Manuel Arias valora moi positivamente que 107 presos drogodependentes poidesen rehabilitarse e reinsertarse cos programas que existen no cárcere provincial
06 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Traballando. Así pasa os últimos días no seu despacho o que foi director da prisión provincial de Pereiro de Aguiar nos últimos dezaseis anos. O vindeiro martes Manuel Arias Carral (Cea, 1958) tomará posesión do seu novo posto como secretario xeral da Subdelegación do Goberno de Ourense. Atrás quedan moitos anos de esforzo por dignificar o colectivo dos presos e por intentar, con bos resultados, que o obxectivo da reinserción sexa algo máis que unha intención.
-Será difícil dicir adeus...
-Dáme moita pena, son tantos anos que se fai dura a despedida.
-¿O cambio de posto foi voluntario?
-Si. A verdade e que eu estou contento aquí, facendo un traballo que me gusta pero xa levo un recorrido de anos e cando xurdiu a oportunidade de cambiar, valoreino e pensei que igual era hora de marchar. Perpetuarse nos traballos é malo e, de feito, eu nunca pensei estar como director do cárcere tantos anos. A nivel profesional é unha mellora, pero a verdade e que a decisión non foi fácil xa que eu quérolle moito a esta prisión porque facemos unha gran labor para a sociedade. Pese a ilo decidinme a cambiar e, tomada a decisión, vou con toda a miña vontade e decisión para o novo posto.
-¿En qué situación se encontra na actualidade o cárcere de Ourense?
-A prisión de Ourense a nivel estatal está moi ben considerada. Fomos punteiros en moitos programas de tratamento que seguen en funcionamento con bos resultados e o mérito diso non e meu, é de todo o equipo profesional que traballa aquí. Hai que ter en conta que estamos tratando con persoas que teñen moitas necesidades e hai que tocar moitos ámbitos para lograr a reinserción. Os internos veñen con problemas de drogas, deficiencias en educación... isto é como un poliedro que hai que completar, sempre con vontade. O que ten o cárcere do Pereiro e que aquí hai oportunidades para todo o mundo, sempre que teñan unha vontade sincera de querer saír adiante. A nosa obrigación e recuperar a xente, e darlle a oportunidade que moitas veces non lle deu a sociedade. A nosa misión e axudalos para que non volvan a delinquir.
-¿E estase logrando esa reinserción?
-Iso se consigue. Un exemplo está no módulo de drogodependentes. Fai uns anos fixemos un espazo libre de drogas para que o que quixera puidese abandoar ese mundo e tardamos tempo, pero no 2001 logramos poñer en marcha dentro do cárcere a Comunidade Terapéutica, xunto con Proxecto Home. Hoxe hai xa 107 persoas dese programa que lograron reinsertarse e moitas delas eran reclusos perigosos, algúns con ata trinta delitos. Esa reinserción tradúcese en seguridade pública, reestruturación dunha familia e na propia reconstrución persoal.
-¿Resulta difícil motivar aos reclusos para que participen nos programas?
-Chegar a prisión é un gran impacto. Aquí está todo organizado, dende a mañá ata a noite, os internos perden a capacidade de decidir. O primeiro que se fai e entrevistalos e logo analízanse as súas carencias. A maioría, pódese dicir que case o 80%, procede dunha situación de fracaso escolar por iso intentamos que aquí aprendan o necesario para desenvolverse na vida con facilidade. Unha vez que se lles abren esas posibilidades, colaboran nos programas. Hai que ter en conta que entrar na prisión é tocar fondo. De aí hai que volver a empezar, e a maioría da xente quere ter una segunda oportunidade, aínda que tamén é certo que hai casos crónicos.
-¿Baixou o índice de reincidencia?
-Si que baixou, e foi por moitas circunstancias, entre elas o feito de que moitos presos que son adictos as drogas se rehabiliten. Fai anos na prisión non había a posibilidade de facelo e tampouco na rúa, e os reclusos atracaban para conseguir cartos para as drogas. Hai que ter en conta que dun 90% de poboación reclusa toxicómana pasamos a ter un 49%.
-¿Estase notando nos últimos anos un incremento de poboación estranxeira no cárcere?
-A nivel estatal si que se nota porque hoxe en día un de cada tres reclusos das prisións xa é un estranxeiro. En Ourense non se nota porque a presenza de estranxeiros e moito menor que noutras provincias.
-¿Ten problemas de masificación a prisión?
-A verdade e que estamos ben. Hai que buscar o equilibrio entre a poboación reclusa e os recursos con que se conta. En Pereiro de Aguiar estamos en 448 internos, un número que esta prisión ten capacidade para ter, tendo en conta tanto a habitabilidade como os programas de tratamento, para que todos os internos poidan facer actividades.