«Facemos casas intelixentes para persoas dependentes»

OURENSE

25 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Javier Castillo (Allariz, 1982) é enxeñeiro da empresa de telecomunicacións Sonen (www.sonen.es), que vén de recibir o premio Innova de proxectos medioambientais pola actividade xeral da empresa. Están nun niño da Tecnópole e apostan por traballar dende Ourense.

-¿Cal é o seu campo de acción?

-Sonen dedícase á enxeñería acústica e a servizos de telecomunicacións. Facemos acústica aplicada en edificación e ambiental, asesoría ao mundo da construcción, acondicionamentos sonoros... En acústica ambiental traballamos con medicións para cumprimento de normativas e, como novidade, elaboramos mapas de ruídos, algo que a Unión Europea esixe ás poboacións. Nós traballamos xa no mapa de ruídos de Vigo cando estabamos na Universidade.

-¿E na área das telecomunicacións?

-Facemos infraestruturas comúns de telecomunicacións ás que na construcción moderna están obrigados os promotores de obra. Tamén traballamos a domótica e nese aspecto queremos darlle un toque especial, facemos casas intelixentes para persoas dependentes.

-¿Enfocan o seu traballo so ao sector privado?

-Traballamos para un particular que fai a súa casa ou para unha administración con ordenanzas adaptadas á normativa europea, asesoramento a policías locais e concellos para medición de ruídos... O campo é amplo.