«Queremos ser doadores universais en solidariedade»

OURENSE

O Colexio de Médicos vén de destinar o 0,7% do seu orzamento a un proxecto desta oenegué en Camerún

30 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ruth Pereira preside Cero negativo, unha organización non gubernamental que acaba de recibir o premio que o Colexio de Médicos dedica a iniciativas solidarias.

-¿Que é Cero negativo?

-Unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo prioritario o apoio aos menos favorecidos. Naceu no 2005 da man dun grupo de amigos de Galicia que xa colaboraramos en distintas oenegués e decidimos emprender unha aventura máis propia, cun proxecto máis persoal.

-¿Por que ese nome?

-Cero negativo é coñecido coma o doador universal a nivel sanguíneo, é válido para calquera receptor; collimos esta idea para facelo extensivo ao ambiente da solidariedade, queremos ser doadores universais en solidariedade, non importa nin o lugar nin o colectivo, podemos dar o noso esforzo a calquera xente e en calquera lugar, non temos restriccións ao noso labor.

-¿Non é iso unha dificultade engadida?

-Queremos ser ambiciosos na idea futura aínda que coñecemos as nosas restriccións de persoal e orzamentarias. O fundamental para nós é afortalar ás persoas desfavorecidas, sobre todo mulleres, nenos e discapacitados, pola doble marxinación á que están expostos en moitos lugares, incluso no primeiro mundo. E no terceiro, que é o noso ambito de actuación prioritario, sufren doble ou triple marxinación. Unha liña que nos interesa moito é a actuación para o desenvolvemento: programas educativos para lograr accións que poidan ir cambiando a mentalidade, tanto en Galicia como nas nosas zonas de actuación.

-¿En Galicia en que senso?

-Facernos cuestionar como podemos facer algo fronte ao terceiro mundo. Na sociedae ourensá vemos que pouco a pouco vai habendo máis iniciativas, van xurdindo tanto asociacións como diferentes actuacións. Non podemos dicir que Ourense sexa un lugar destacado pero somos optimistas; a poboación é máis receptiva, a xente en canto coñece o noso labor, pregunta, amósase disposta, quere axudar. Todo o que somos está detallado na nosa páxina web, www.ceronegativo.org.

-¿A que destinarán o 0,7% do orzamento do colexio de médicos?

-É un proxecto para a realización de muros de contención e un pozo de potabilización de augas nunha casa de acollida de nenas discapacitadas ao noroeste de Camerún, en Bamenda. É neste momento o noso proxecto máis ambicioso, dase acollida, educación básica, atención sanitaria e tamén se fai un labor de sensibilización dos familiares e habitantes da zona: un neno discapacitado alí vese como unha especie de castigo divino.

-¿Son necesarias as oenegués?

-Ten que haber un labor común, de persoas particulares reunidas en asociacións e, fundamentalmente, das institucións; é fundamental o pulo das institucións e non so vía subvencións.