O regreso de Antón Risco

OURENSE

Coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento Galaxia edita unha novela inédita do escritor ourensán

19 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Fundación Vicente Risco de Allariz inauguraba hai unhas semanas unha mostra permanente sobre o nacionalismo galego. Unha cita na que participaban entre outros o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, e que xuntaba na sede da fundación a investigadores, creadores, historiadores, arquitectos e representantes políticos, xunto cos membros da entidade que garda a memoria e o legado de Risco.

A data escollida para inaugurar as novas dependencias da Fundación Vicente Risco non foi algo casual. E así o deixaba claro o vicepresidente da Xunta: os responsables da entidade e as institucións elexiron a data a xeito de lembranza de Antón Risco, do cal se cumprían dez anos do seu pasamento e ao que se lle rendía con posterioridade homenaxe no cemiterio alaricano cunha ofrenda floral.

Unha ducia de inéditos

Agora Antón Risco volta aos andeis de novidades das librarías de toda Galiza da man da editorial Galaxia. Na súa colección Literaria, a editorial que dirixe Freixanes publicou en marzo Obxectos antigos de orixe ignorada, da que é autor Antón Risco e que aínda non foi presentada malia que Galaxia xa distribuiu a obra polas librarias.

Segundo a propia Editorial Galaxia esta «novela inédita de Antón Risco que se publica postumamente» é un orixinal que «recorrendo a materiais tan diversos coma artigos do xornal, transcricións de programas de TV, críticas de cine e cartas, o autor inicia ao lector nun xogo narrativo que comeza cun home asasinado nun tren. A partir de aquí, a novela desenvolve tres historias, posibles máis diferentes, nas que se ven implicadas as Brigadas Roxas, ETA e a espionaxe antes da caída do muro de Berlín».

Aínda que Antón Risco non se prodigou moito en vida e o vencellamento á literatura fantástica dunha boa parte da súa obra o converteu nun creador fóra dos circuitos maioritarios da literatura galega, deixou unha abundante obra inédita como creador, tanto na súa faceta literaria como na artística. Cando morría en 1998, Antón Risco deixaba unha ducia de obras literarias inéditas e unha grande cantidade de obra plástica, maioritariamente debuxos. O legado é propiedade da súa viúva, aínda que a colaboración coa fundación e con Galaxia diu como froito a publicación de Obxectos antigos de orixe ignorada e está en estudo a posibilidade de editar algunha outra das obras inéditas deste autor.

Exposición

Ademais da recuperación para a historia da literatura galega da obra de Antón Risco, a Fundación Vicente Risco tamén está a traballar no proxecto de crear unha exposición co seu legado artístico. A iniciativa está pendente de aspectos como a selección do material, o espazo que acollerá a mostra e a financiación da mesma.