«A retranca galega renace da man dos máis novos»

OURENSE

Co espírito de recuperar un dos trazos máis galegos, a publicación satírica chega ó seu terceiro número

12 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Vai xa polo terceiro número e ten o mérito de ser a primeira revista mensual de humor en galego. Onte pola tarde presentouse na libraría Torga, onde Kiko Dasilva falou das novidades da nova entrega e do que se agocha tras unha publicación destas características.

-Todos os que viñeron a Torga levan o número tres, que sae a semana que ven á venda, e saben todos os segrediños do número. Ademais, levan as sinaturas dos nosos compañeiros debuxantes ourensáns, que tamén os hai. Descubriron tamén as novas seccións, o tema deste número e o noso novo concurso, que leva o nome de «Cuspidiños».

-¿Como nace a idea de Retranca?

-Retranca nace pola necesidade de que houbera en Galicia publicacións humorísticas. Creo que nunca se intentou facer unha publicación deste xeito, saíndo a quiosco e a toda cor, e aínda por riba facelo por e para Galicia. E todo dun xeito profesional. Normalmente cando se fan proxectos editoriais en Galicia sempre se chora e se di que non se vende, que non se gañan cartos, e eu creo que había que intentalo da maneira máis profesional posible.

-¿Goza de boa saúde o humor gráfico na nosa comunidade?

-Eu creo que si, que temos moi bos humoristas. Xa non só gráficos, senón literarios, que neso temos unha gran tradición. E isto vai a máis, porque xa que non nos chegan cartos de Madrid para investir, temos que ter moito humor para poder levar esas carencias da mellor maneira posible.

-Ademais o humor galego está en alza, non só nos medios gráficos ou literarios, senón tamén televisivos.

-É certo. Eu son dos que reivindico que merece a pena que os políticos galegos se dean conta de que o humor gráfico e televisivo, e que eles saian caricaturizados, lles ven ben para gañar popularidade.

-¿É verdade que existe o tópico, fóra de Galicia, de que os galegos somos aburridos?

-Máis que aburridos, hai a idea de que somos tristeiros, de que estamos chorando todo o día e esas cousas. Eu sempre digo que os tópicos os gañamos nalgún momento, pero chega tamén o momento de cambialos e de demostrar que nós aquí tamén podemos facer as cousas doutro xeito. Fai pouco se dicía que a retranca estaba morta, pero a retranca renace o e fai da man dos máis novos.

-¿Para quen está especialmente dirixida esta revista? ¿Para os que xa a teñen retranca ou para os que teñen que cultivala?

-Está dirixida a todo o mundo, porque sabemos que hai moito interese polo humor e pola crítica humorística. Neste país toda a información nos chega dunha maneira moi seria e penso que é a hora de que nos tomemos as cousas cun pouquiño de humor. Do xeito tradicional que tiñamos de enfrontarnos a todo. A retranca era un modo de entender a sociedade galega sen caer na depresión. Se nos tomaramos en serio todo o que nos sucede, seriamos unha sociedade bastante triste.