«Ourense é moi desagradecida cos seus mellores persoeiros»

OURENSE CIUDAD

O colectivo celebra o seu sexto aniversario con máis proxectos e coa intención de implicar ós máis novos

24 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Liceo de Ourense está de celebración. A Sección de Literatura da entidade conmemora o seu sexto aniversario, e para celebralo haberá unha sesión especial o vindeiro luns. O director da mesma, Marcos Valcárcel, impartirá unha conferencia -20.15 horas no salón noble do Liceo- titulada O pobo galego nunca parou de contar: reviravoltas sobre a nosa Literatura Popular. Tamén se ofrecerá un recital poético-musical.

-A estatística é abraiante ¿como se consiguen facer 309 actividades en 6 anos?

-A verdade é que o resumo de actividades foi feito dende o propio Liceo. Se temos en conta que hai tres meses ó ano que non temos actividades, no verán, e facemos a media danos a dous actos por semana.

-¿Que salientaría do desenvolvido neste tempo?

-A Sección de Literatura do Liceo trata de conxugar proxectos ou iniciativas que xa estaban creadas e que contan cunha inercia que as fai manterse por si mesmas, como é o caso dos Encontros Literarios e os contactos desenvolvidos nestes anos -con Carlos Casares como referente-. Ciclos como o de Visións de Galicia, que se fai en maio, trouxeron a Ourense ós mellores especialistas e logo hai actividades puntuais, como as homenaxes que lle fixemos a persoeiros como García Ferreiro, Lamas Carvajal, Vázquez Núñez e outros que para nós teñen un valor especial.

-¿En que sentido?

-Ourense é unha cidade moi desagradecida cos seus mellores persoeiros, sobre todo cos do XIX que foron os que puxeron os alicerces da cidade que hoxe coñecemos, e con este tipo de convocatorias fixemos xustiza e recuperamos a memoria da cidade e de todo nós.

-A sección creou o premio de microrrelatos Carlos Casares ¿como valora a resposta?

-A iniciativa naceu ó pouco tempo de morrer Casares. Falamos coa familia, pareceulles ben, e puxémolo en marcha. Na última convocatoria presentáronse uns cincocentos orixinais a concurso. E ten servido para dar a coñecer a novos escritores ou para promocionar a outros que xa tiñan obra. Véñenme á cabeza nomes como Enma Pedreira, María Lado ou Xerardo Méndez.

-¿En que proxectos están a traballar?

-Estamos pechando o programa dunha xornada de escritores ourensáns, imos presentar en decembro o novo libro de Xavier Castro, tamén faremos a mediados de mes o roteiro da Esmorga, en xaneiro haberá un novo encontro de escritores e imos colaborar nunhas xornadas que van analizar a obra de Carlos Casares, organizadas polas tres universidades galegas.

-¿Que poría no apartado das eivas?

-Postos a facer autocrítica creo que a asignatura pendente é chegar un pouco máis á mocidade e ós estudantes. É o gran problema que teñen hoxendía tódalas entidades de Ourense e a propia universidade.