«O que nós vimos no ceo baixaba máis rápido cos avións»

Jesús Manuel García

OURENSE

Na madrugada do domingo o alcalde e outros amigos viron pasar por riba un obxecto estrano cunha forte luz verde

16 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi escasamente a uns cen metros da Casa do Concello. O alcalde, Rafael Rodríguez, estaba fóra nunha casa con amigos cando viron algo no ceo.

-¿A que hora foi?

-Arredor das dúas. Estabamos nunha especie de porche dunha casa, viñamos dunha cea e estabamos tomando algo antes de voltar para casa. E cando nos atopabamos sentados algúns que miramos en dirección á estrada, vimos pasar unha luz polo ceo.

-¿Como era esa luz?

-Era verde, e redonda, case redonda e non deixaba estela ningunha e que pasaba en dirección de oeste a este e caía. Chamounos moito a atención.

-¿Canto durou o avistamento?

-Moi poucos segundos pero durante ese tempo chamounos a atención que fose unha luz tan verde. Nen amarela ou encarnada. Era verde. Nós quedámonos mirando e achegámonos a unha zona máis alta do pobo a ver se se podía ver algo máis pero non vimos nada.

-¿Tiveron outras novas sobre este fenómeno?

-Pois conectamos a radio e escoitamos que efectivamente esa mesma noite a sobre a mesma hora a xente vira ese mesmo fenómeno en Tarragona, en Alxeciras ata nas Canarias e coincidía a descrición na cor. Supoñemos que sería o mesmo e a pesares de que nos parecía que esa bola estaba perto de nós realmente atopábase lonxe. Perdíase a perspectiva pola noite.

-¿Alguén lles dixo se era un meteoriño ou un globo sonda ou o que fose?

-Un globo sonda é imposible. Por aquí vense os avións que van a Vigo, xustamente na dirección contraria e van baixando. Pero o que nós vimos baixaba moito máis rápido cos avións. Durou uns dous ou tres segundos en perderse de visita.

-¿Impresionou no pobo?

-Non temos noticia porque nos corriños non se comentou. Penso que só o vimos nós naquela hora. Non escoitamos ruido ningún e na radio algúns dicían que facía ruido noutras partes do país. Non vimos cousa igual.