O caso Añoveros

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

19 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O 24 de febreiro de 1975, monseñor Añoveros, bispo de Bilbao, mandou ler nas igrexas da súa diócese unha homilía en defensa do euskera, pedindo, ademais, o cese dos atrancos que o réxime poñía para que se falase e aprendese. O Goberno considerouna un gravísimo atentado á unidade nacional, ordenou o arresto do bispo e do seu vicario no pazo episcopal e enviou un avión ao aeroporto de Sondica para levalos fóra de España.

O Vaticano apoiou a Añoveros, e a Conferencia Episcopal ameazou coa excomunión do Goberno se o bispo era expulsado. O cardeal Tarancón tentou falar con Franco, que se negou a recibilo. O conflito diplomático parecía inevitable, ata que interveu o cardeal primado e arcebispo de Toledo, Marcelo González Martín, que si foi recibido polo Caudillo.

Monseñor Marcelo expuxo varios argumentos para retirar a orde de expulsión do bispo, pero Franco escoitounos sen inmutarse, e só reaxiu, emocionado, cando o cardeal lle pediu que pensase nos milleiros de cregos dos pobos e aldeas de España; xente boa, sen máis arela que predicar a palabra de Deus, que quedarían sen salario.

O conflito evitouse, pero quedou claro que a Igrexa española xa non estaba co franquismo.