Aproveitar a oportunidade

Ceferino Díaz

OPINIÓN

D ende a distancia, que non dende fóra, asisto preocupado ao decorrer do próximo congreso do PSOE en Sevilla. Sorprende a premura en convocar a cita para febreiro; a xustificación das eleccións andaluzas é outra proba de que ou non se entendeu a mensaxe ou que, entendéndoa, pensan que non é o prioritario, o que sería aínda máis grave. Parece como se o problema se solucionase substituíndo a dirección e non analizando serenamente as causas que nos levaron a esta situación.

Abrirse á sociedade debera ser algo máis que deixar aos simpatizantes participar en primarias. Debera ser debater sobre os proxectos a ofertar dende a esquerda en foros abertos -a confrontación dialéctica enriquece; escoitar só aos nosos, non sempre-. Debater sobre economía, educación, cultura, ecoloxía, Estado de benestar, vertebración territorial do Estado (a proposta federalista que os socialistas dicimos defender, ¿ten vixencia para este tempo ou segue a ser un proxecto de futuro?)...

Abrirse á sociedade debe ser tamén recoller sen présas o seu sentir a través do diálogo coas súas organizacións (non só sindicais e patronais) e comprometerse máis do posible. ¿Por qué non un pouco coa utopía? Escoitar e confrontar, porque non todo ten que ser asumible e cómpre explicar o porqué. A falla de apoio social co noso partido, que non co noso ideario, é un problema da esquerda global, pero iso non nos libera da obriga de construír un novo proxecto que, atendendo as condicionantes externas, priorice a nosa realidade. Perdemos as últimas eleccións por non saber resolver isto e a solución non pode vir dun congreso exprés.

Tampouco podemos aspirar a transformar a sociedade se temos aos nosos, á organización -que vai moito máis aló do aparato-, en boa medida desmoralizada e en consecuencia desmobilizada. O congreso debera servir xa que logo -e oxalá así sexa- para reconciliar o partido consigo mesmo, para recuperar o sentido da militancia non como exército electoral e si como organización viva que traballa no tecido social e ao tempo crea e debate.

Equivocámonos se pensamos que as últimas eleccións tiveron un custe só para a militancia socialista. Con nós perderon moitísimos proxectos progresistas individuais e colectivos. Ou consideramos seriamente estes feitos ou non recuperaremos esa parte do noso electorado decepcionada co noso facer, ás veces por falla dunha explicación clara e outras polas formas (a política ten tamén unha compoñente pedagóxica que con frecuencia esquecemos).

Temo que as presas calculadas levarannos a perder esta oportunidade, convertida nunha campaña en certo modo trucada entre dúas candidaturas. Interesante para quen gusta das confrontacións, mais sensación de tempo perdido para quen agardabamos un serio debate. Por iso debemos animar a que o congreso sirva sobre todo para avanzar no traballo interno. Faise prioritario actualizar os estatutos favorecendo, entre outras cousas, o poder da militancia á hora de facer propostas e de elixir aos representantes a través de listas abertas. Entendendo sempre que o partido é un instrumento que só ten sentido se serve á sociedade de acordo aos principios que o identifican.

Non pedimos moito, pero adiantariamos algo de cara ao congreso galego, tamén formulado como exprés. Seica temos présa para chegar. ¿A onde?