Do xénero humano

Camilo Franco

CULTURA

22 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Poñamos por caso que Álvaro Cunqueiro manexase máis os xéneros que estes a el. Por exemplo, utilizou a narración para fantasear e o teatro para tentar explicarse a condición humana.

O escritor debeu pensar que as fantasías hai que contalas, pero cando se trata de coñecer como somos é moito mellor deixarnos falar. Por iso, o teatro de Cunqueiro converteuse nunha riada de palabras tentando mover os fondos ocultos, tentando a prospección das actuacións.

Un personaxe de fantasía non precisa, no ideario cunqueirián, xustificarse porque está feito de materias que non sempre se corresponden co humano. Pero un personaxe de teatro ten que responder a esas dimensións física e psicolóxica ás que estamos atados.

O autor fai falar aos personaxes e colócaos en encrucilladas e eles volven a explicarse respondendo dun xeito teimudo e non sempre operativo. Responden, quizais, como tería feito o autor nese caso: explicando que non somos materia de soños, que somos do xénero humano.