Se cadra ningún día mellor ca hoxe para gozar deste libro-cedé, Haberá primavera, que tan requintadamente edita Galaxia para homenaxear a memoria de Cunqueiro. As magníficas imaxes de Seoane que ilustran o volume constitúen un engado situado ao mesmo nivel que o traballo de César Morán, quen interpreta con talento trece poemas do mindoniense e un de colleita propia. Os textos musicados e mais os comentarios que estes suscitaron a Morán desvelan con tino e acerto moitas das claves da poesía cunqueiriana. Completa a edición outro disco coa entrevista que Morán lle realizou a Cunqueiro, a derradeira que concedeu, en 1981: un dos diálogos de fondo literario máis brillantes dos coñecidos ata agora. Un libro, por todo isto e máis razóns, preciso e insubstituíble. Preséntao hoxe en Mondoñedo ás 21.00 horas no Auditorio Pascual Veiga.