Converter un dandi rural nun fenómeno social

La Voz

CULTURA

18 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Entre as ponencias presentadas no último día do congreso figuraba a do irmán do escritor, Xosé Manuel Pereiro, que, con ironía, a explicaba como un «balance dos danos».

As conclusións que tira deste ano dedicado a obra de Lois Pereiro explican que «sería presuntuoso dicir que este ano conectou a cultura oficial coa sociedade, pero si que digo que chegou a unha xente á que habitualmente estas cousas non lles chegan».

Apuntou Xosé Manuel Pereiro que entende destacable «a cantidade de cousas feitas ao longo do ano, tanto polo seu número, como pola variedade e as maneiras de todas elas». O irmán do escritor considera tamén que ao longo do ano foron desfacéndose algúns tópicos, entre eles o que insistía en que «Pereiro non era unha persoa coñecida». O seu irmán asegura que a celebración do Día das Letras Galegas «demostrou que si era coñecido aínda que non practicase ese deporte que agora é case disciplina olímpica de ir chamando en toda canta porta hai». Matiza Pereiro que o seu irmán «non era un poeta recoñecido porque non participaba dos círculos literarios». «Coñecido pero non recoñecido», pero explica o irmán do homenaxeado que tiña un «seguimento secreto, como o lume na turba, que nun determinado momento e coa decisión da academia, bota por fóra e convértese nun volcán».

Entre os aspectos máis positivos, Xosé Manuel Pereiro enumera «os 25 libros publicados, os discos, os documentais, os libros que están por saír».

Na parte negativa dese reconto realizado na sede da Real Academia Galega quedan cousas como «o reforzamento dalgunhas etiquetas sobre malos hábitos ou esas críticas sobre o que pensaría Lois sobre as actividades e as celebracións». Pero considera que unha grande parte «das actividades responderon ao espírito de Lois».

Explica que, a pesar de certas críticas, «converter a un dandi rural nun punk urbano, converter un rapaz que só se sentía seguro nos libros, na música ou coas películas nun fenómeno social é algo emocionante ou conmovedor».

«Pereiro foi unha ponte entre o individual e o colectivo, entre

o eu e o nós»

Manuel Rivas