O Apalpador continúa coas súas aventuras no Courel

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos SARRIA / LA VOZ

CULTURA

O segundo libro da serie do ilustrador Xoán González presentouse na Festa da Pisa da Castaña de Froxán

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai dous anos, o debuxante Xoán González visitaba as montañas lucenses do Courel para pórlle cara e corpo a un dos seus personaxes máis populares, O Apalpador, nun traballo apoiado pola editorial Biblos.

O Apalpador é unha figura de Nadal do folclore da zona que representa a un carboeiro que en Noiteboa baixa das montañas para regalar castañas aos nenos.

Onte, O Apalpador regresou ao seu lugar de nacemento, a aldea de Froxán, para participar na Festa da Pisa da Castaña e dar a coñecer a súa nova aventura.

Nesta ocasión, o carboeiro de xigantesca barba, boina e cachimba ten a sorte de atopar unha castaña con grandes poderes máxicos coa que vive unha infinidade de aventuras. En realidade, esta segundo libro é a primeira ocasión na que O Apalpador vive unha aventura no Courel, xa que a primeira publicación da serie serviu como presentación en público deste Papa Noel galego.