Os premios da Cultura Galega destacan aos clásicos do país

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Os galardóns salientan «o traballo creativo e a expansión no exterior»

03 nov 2011 . Actualizado a las 09:36 h.

Sete premios para poñer en valor, segundo a Consellería de Cultura e Turismo, «o traballo creativo da nosa comunidade e a súa expansión no exterior». Baixo esa premisa, o xurado escollido por Cultura elixiu aos sete gañadores desta edición, que non rexistrará rexeitamentos como aconteceu o ano pasado cando Agustín Fernández Paz non aceptou a súa distinción como protesta coa política que a Xunta segue co galego.

Os premiados son Arcadio López Casanova en Letras; Manuel Paz en Artes Plásticas, Quico Cadaval en Artes Escénicas; a Fundación Aquae Querquennae Via Nova nas Iniciativas en Prol do Patrimonio Cultural; Carlos Núñez pola Promoción Cultural de Galicia; Rogelio Groba en Música; e María Pujalte no apartado de Creación audiovisual.

Para o escultor Manolo Paz, o premio é «unha honra» «Coa xente que hai, que mo dean a min teño que agradecelo», sinalou. O escultor asegura que leva unha semana irrepetible, na que tamén ingresou como membro na Real Academia de Belas Artes do Rosario e ponlle algo de humor a tantas distincións: «Eu quería facer escultura e pásome os días tendo que escribir discursos». Paz sinala tamén: «É unha honra tamén porque só se pode ser galego unha vez e creo que entre os galegos temos que axudarnos». O escultor, que decidiu non acollerse a unha axuda do Concello de Cambados sinalando que hai «necesidades máis urxentes», apuntou onte que é necesario que «os galegos nos apoiemos máis uns aos outros e pensemos nas verdadeiras necesidades que temos».

Para o compositor e director de orquestra Rogelio Groba, o premio supón unha valoración da súa traxectoria. «Agradezo este galardón polo que ten de recoñecemento e de valoración da miña labor compositiva, así como do patrimonio que fun elaborando ao longo de preto de 60 anos. Só desexo que Galicia, verdadeira destinataria deste traballo, saiba poñelo en valor para o seu disfrute», explica o compositor.

Pola súa banda, a Fundación Aquae Querquennae Via Nova xestiona un espazo que, ao longo dos anos, foi promovido por distintas institucións para preservar os restos arqueolóxicos do Aquis Querquennis, unha das mansións que organizaba o trazado da Via Nova entre Braga e Astorga.