Manuel Rivas: «Os contos son animais solitarios»

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O autor agrupa nun só libro todos os seus relatos breves dende hai 20 anos, «corrixidos, pero non reescritos»

27 oct 2011 . Actualizado a las 09:28 h.

As metáforas non se deteñen nas palabras de Manuel Rivas. O escritor presentou onte O máis estraño (Edicións Xerais de Galicia), a recompilación dos seus contos tal como eran «corrixidos, pero non reescritos». Rivas asegurou que os contos son os que eran porque «eles querían estar na súa liberdade».

-Os contos poden ser os mesmos, pero o autor quizais non. ¿Que impresión tivo dos contos ao volver a enfrontarse a eles?

-Hai sempre unha reacción de que o autor mellora cos anos, como esa falsa idea de que o progreso nunca acaba. Pensei de entrada que os primeiros contos serían peores e mesmo pensei que quizais non debía telos escrito. Despois dinme conta que eran eles os que tiñan que falar e non eu, por iso deixei que fosen. Decateime de que os primeiros non eran peores e tamén que no relato algunhas imperfeccións de fábrica non son necesariamente malas. Hai algo nesas imperfeccións que humaniza o conto.

-Quere dicir que o conto debe ter certa condición poética por riba da narrativa.

-Creo que o conto non debe funcionar só como mecanismo, aínda que os mecanismos existan. Creo que nun conto non se debe ver a caixa de ferramentas. Os contos son animais solitarios e por iso hai que aceptalos, non se deben borrar as súas pegadas porque nos contos hai sempre unha indagación que xustifica a utilidade da literatura.

-¿Cal é a indagación que debe facer hoxe a literatura?

-Debe dicir o que non se pode dicir, debe achegarse aos tesouros e aos terrores. Tamén poden contrarrestar esas cifras que se utilizan para meter medo na xente. Creo que a literatura é agora máis útil que nunca contra o discurso único porque as palabras seguen sendo sensibles ao que xente precisa.