Os editores galegos ultiman unha plataforma electrónica común

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Elibro-galego venderá literatura de creación e materiais escolares

25 oct 2011 . Actualizado a las 21:02 h.

A Asociación Galega de Editores ultima a posta en marcha dunha plataforma para a venda de libro electrónico galego na que estarán presentes todas as editoras asociadas e na que se venderán tanto obras de creación como libros de texto. Elibro-galego é o nome desta plataforma, que podería estar en servizo nos primeiros días do vindeiro mes de novembro.

Como punto de partida para o catálogo dixital desta plataforma, segundo explica a vicepresidenta da AGE, Belén López, vanse incorporar todas as obras de carácter electrónico que xa teñen as editoras galegas neste momento, cun número de volumes que cando chegue a estrea pode roldar os cen títulos e que se renovará a un ritmo de sesenta títulos por ano.

A plataforma de venda pretende traballar con todos os formatos do mercado, de maneira que un lector en galego poida descargar calquera libro do catálogo independentemente do aparello.

DRM propio

Unha das particularidades desta nova plataforma é que, segundo a AGE, terá un sistema de protección de dereitos de autor propio, evitando así os problemas que daban estas xestións en programas como Adobe. Belén López asegura que esta é unha das partes «arriscadas do proxecto», pero explica que é tamén de «produción galega», posto que está realizada pola empresa Enxenio, nacida da Universidade da Coruña.

Tres anos para rendibilizar

Segundo os cálculos dos editores galegos, o mercado que se move arredor do libro electrónico é «moi cativo». Belén López explica que o proxecto ten máis «intención de futuro e de entrada está asumido que non será rendible». Explica que os cálculos apuntan que ao «terceiro ano de funcionamento poidamos ver algún tipo de rendemento». Sinala tamén que o electrónico «é un mercado emerxente» e os editores galegos non poden «quedar fóra del».

En principio, a plataforma será só de libros, aínda que para o futuro non se descartan outros produtos culturais electrónicos. Belén López apunta que o medio de pago no momento do inicio será por tarxeta, pero agardan poder incorporar outros medios de pago propios da Rede, como Paypal.

O perfil das obras será inicialmente de creación literaria, pero tamén estará orientado aos libros escolares e aos materiais propios do proceso de dixitalización nas escolas galegas.