Cultura convocará en novembro as axudas para asociacións

camilo franco SANTIAGO /LA VOZ

CULTURA

O conselleiro subliña a prioridade de apoiar a industrial cultural

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Consellería de Cultura volverá convocar en novembro as axudas para asociacións e fundacións desconvocadas esta mesma semana. A nova convocatoria terá a mesma contía, 300.000 euros, e as mesmas características, aínda que con cargo ao exercicio 2012. Segundo Cultura, as asociacións poderán presentar as súas peticións neste mesmo ano, en canto apareza publicada a convocatoria.

Segundo o titular do departamento, Roberto Varela Fariña, «a suspensión da convocatoria debeuse máis a problemas técnicos polo fin do exercicio contable que a un recorte económico». O conselleiro admitiu un retraso na resolución das axudas entre maio e outubro que impediu a execución da convocatoria no prazo, polo que «era máis sinxelo desconvocalas e convocalas de novo».

Asegura Varela Fariña que non houbo intención de «deixar desprotexidas as asociacións» e descartou que esta decisión favorecese outro tipo de actividades programas pola consellería. «Hai que manter un equilibrio entre a cultura que chamamos de base e a outra, pero quero lembrar que o 80 % da programación cultural da Cidade da Cultura faise con fondos privados e con artistas galegos». O titular de Cultura entende a inquietude espertada coa suspensión da convocatoria, pero non tanto as críticas sobre os destinos da inversión do seu departamento. Sinala Varela Fariña que a prioridade clara para o 2012 «é contribuír ao fortalecemento da industria cultural en Galicia». Explica que esta prioridade non implica «desatender outros sectores» aínda que considera que nas circunstancias económicas actuais «hai que entender que industria cultural significa empregos e por iso esa debe ser a nosa prioridade». En sentido similar, explica que a oferta cultural galega debe ter «actividades como John Elliot Gardiner e actividades de base, non pode faltar nin unha nin outra».

Reunións co sector

Desde este luns, o titular de Cultura manterá reunións con todos os representantes dos diferentes sectores culturais.