«Folks from here and there», un Cunqueiro para o mercado inglés

santiago / la voz

VIGO CIUDAD

01 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aproveitando o centenario de Álvaro Cunqueiro e o Día Internacional da Tradución, a Consellería de Cultura presentou o que será o primeiro libro do escritor mindoniense traducido ao inglés nos últimos quince anos. Xente de aquí e acolá é o título do orixinal en galego e Folks from here and there a súa tradución ao inglés.

Jonathan Dunne é o autor desta versión que permitirá aos lectores anglosaxóns achegarse ao talento de Cunqueiro. O tradutor, que traballara xa en obras de Manuel Rivas e nunha antoloxía de obras da literatura galega, sinalou na presentación de onte deste libro -que ten unha tirada de 1.500 exemplares e que está publicado por Small Stations Press- que «facer unha tradución non é suficiente para que un autor teña presenza, é necesario crear un contexto para que os lectores en inglés poidan achegarse con máis coñecemento ao autor».

Cos 13.000 euros aportados para a tradución e publicación deste libro, a consellería anunciou onte a continuación das versións en inglés doutros clásicos da literatura galega. Entre os que están previstos figuran Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, e Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Con motivo do seu centenario tamén se está celebrando en Galicia neste días o congreso Mil e un Cunqueiros. Onte celebrouse a terceira xornada en Compostela para tratar, entre outras cousas, a recepción que tiveron os libros do escritor en castelán.

Hoxe o congreso se trasladará a Vigo, onde se celebrarán as últimas actividades deste se anunciaranse as súas conclusións.