Palabras galegas para Tolkien

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor gardou un exemplar do dicionario de Valladares na súa biblioteca durante 50 anos

17 jul 2011 . Actualizado a las 19:01 h.

Durante cincuenta anos, dende 1923 e ata a súa morte, en 1973, J.?R.?R. Tolkien, autor de O Hobbit e O señor dos aneis, entre outras obras, gardou na súa biblioteca persoal un dicionario de galego. Trátase do Diccionario Gallego-Castellano de Marcial Valladares Núñez, publicado en 1884 en Santiago, e que o escritor inglés incorporou á súa colección case corenta anos despois, cando asinou, con coidada caligrafía, nunha das primeiras páxinas en branco: «JRR Tolkien. 1923». Foi a única inscrición feita pola súa propia man, xa que o libro non contén nin marcas nin subliñados.

Co pasamento do autor, o 2 de setembro de 1973, o volume foi doado polos seus testamenteiros á Universidade de Oxford, como consta nun adhesivo pegado no interior da capa frontal do libro: «Taylor Institution Library, Oxford. Presented by the executors of Professor J.?R.?R. Tolkien». Debaixo, escrita con lapis, figura a referencia de catalogación da obra na biblioteca que popularmente se coñece como Tayloriana, que conta cunha sala específica para os fondos relacionados coas linguas ibéricas e que preside unha escultura de Valle-Inclán. O dicionario de Valladares incorporouse a ditos fondos o 16 de outubro de 1975, como especifica o cuño que leva estampado. Foi John Rutherford, do Queen?s College oxoniense e fundador en 1991 do Centro de Estudos Galegos da Universidade inglesa, quen reparou no ilustre dono previo do libro mentres revisaba na biblioteca os fondos relacionados con Galicia.

Dous interrogantes

Deste xeito, a pertenza do dicionario á biblioteca de Tolkien e o feito de que o gardase durante cincuenta anos ata a súa morte constatan un grao de interese do escritor polo galego. Mais a confirmación trae consigo interrogantes, nomeadamente dous: ¿Para que puido necesitar Tolkien o volume de Valladares? ¿E como chegou ás súas mans?

En 1923 Tolkien levaba xa tres anos como profesor na Universidade de Leeds, tras deixar o seu traballo no Oxford English Dictionary, onde investigaba os significados e orixes de palabras de procedencia xermánica. Este, xunto coas linguas escandinavas e o anglosaxón, eran o seu ámbito de especialización, pero Tolkien estaba familiarizado con todas as familias lingüísticas europeas, incluída a románica. Co español mantiña un vínculo especial, xa que o seu titor dende o falecemento da súa nai cando tiña 12 anos, o pai Francis Xavier Morgan, proviña por liña materna dunha familia orixinaria de Puerto de Santa María e lle aprendeu a lingua.

Pero ademais, o traballo de Valladares era ben coñecido polos máis importantes romanistas da primeira metade do século XX, como Meyer-Lübke ou Jud, quen o incluíu nun índice de dicionarios románicos, segundo lembra o académico Antón Santamarina. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen ten falado da suposta pertenza dun dicionario galego por Tolkien, enmárcaa nun interese polas mitoloxías, neste caso a celta, xa que o escritor inglés relacionaba Galicia co folclore de Irlanda, Gales ou Cornualles. Thomas Shippey, considerado o maior especialista en Tolkien, engade o interese comparativista: «Estou seguro de que gustaría de comparar o castelán co galego e outras linguas ibéricas como un estudo da natureza dos cambios dos idiomas. O corazón da filoloxía comparatista era, dunha banda, decatarse de que moitas linguas agromaron dunha raíz latina común e, doutra, deducir que o mesmo debeu acontecer nas linguas xermánicas, da que non hai constancia dunha raíz, tan só as evidencias do gótico, outro dos idiomas favoritos de Tolkien».

Tolkien publicou en 1925 a súa edición crítica de Sir Gawain and the Green Knight, o anónimo medieval inglés sobre o cabaleiro Galván, polo que é posible que na súa investigación coñecese algúns textos da Materia de Bretaña en galego medieval, como o Livro de Tristán ou a Demanda do Santo Graal, e que pensase que un dicionario de galego lle sería de utilidade. Por último, existe a hipótese máis sinxela: como devoto das linguas, Tolkien coleccionaría dicionarios. «Si gustaba deles», confirma Shippey.

¿Aquí ou acolá?

Outra cuestión é como chegou o volume de Valladares a mans de Tolkien corenta anos despois da súa publicación. Descartada unha viaxe do escritor a Galicia, as dúas principais posibilidades redúcense a que o mercase en Inglaterra, por exemplo nunha librería de vello, ou que fose un encargo efectuado a Santiago. O veterano libreiro compostelán Xesús Couceiro inclínase pola primeira hipótese, aínda que destaca a importancia histórica de Galí, cuxo propietario naquela altura, a comezos dos anos vinte do século pasado, estaba ben relacionado e era catedrático na universidade. Rutherford apunta ao bo oficio dos libreiros oxonienses, «na vangarda da súa profesión», polo que non descarta que o escritor puidese atopar o dicionario en establecementos tan sobranceiros como Blackwell?s ou Parker?s, esta última hoxe desaparecida. Pola súa banda, Santamarina afirma que non tería nada de estraño que unha universidade como a de Oxford pedise libros a unha cidade como Santiago ou mesmo que dedicase persoal a mercalos in situ no estranxeiro.

Durante anos citábase o de Carré Alvarellos como o suposto dicionario galego de Tolkien. A ausencia de probas físicas da pertenza do libro chegou a convertelo nun mito, como expresou con ledicia Ferrín ao saber da confirmación da súa existencia: «Cheguei a pensar que o soñara. Sinto unha gran alegría».