A RAG celebra a aparición do galego literario lembrando os 150 anos dos Xogos Florais

R. García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

«Unha estela no ceo de Galicia» é o lema dos actos que terán lugar o vindeiro sábado na fachada do teatro Rosalía de Castro

30 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Eduardo Pondal escribía o seu primeiro texto en galego. Rosalía de Castro, que aínda non publicara Cantares gallegos, era unha das autoras que asinaba entre os máis de 190 poemas publicados en Álbum de la caridad. A obra era o resultado dos primeiros Xogos Florais da Coruña, dos que se cumpren o vindeiro sábado 150 anos. Francisco Añón foi o gañador daqueles xogos, que «abriron camiño para os de Pontevedra (11 de agosto de 1861, 1880, 1882, 1884 e 1886), Santiago (1875), Ourense (1876), Vigo (1883) e Tui (1891)», indican desde a Real Academia Galega na cartelería para o acto do sábado no que lembrarán aqueles xogos e a publicación que se considera como a aparición do galego literario.

O título, Álbum de la caridad, debíase a que os cartos da publicación eran para o Padroado da Caridade que presidía Juana de Vega, a promotora de iniciativa. «Estaba toda a sociedade coruñesa», vinculada a esta celebración, apuntan os organizadores destes acto, salientando que foi «López Cortón, o avó de Vicente Viqueira, o que pagou todo aquilo», o mecenas. Moitas das noticias vinculadas a aquel acontecemento atópanse na documentación de Antonio de la Iglesia, o organizador, que os seus herdeiros cederon a Real Academia Galexa. Entre os promotores tamén estaba Benito Vicetto.

Implicar a sociedade

«Unha estela no ceo de Galicia». Este é o lema dos actos que terán lugar o vindeiro sábado na fachada do teatro Rosalía de Castro donde «nos arcos farase unha pequena escenografía», apuntan os organizadores. O mesmo que naquela primeira edición, «tratarase de contar cunha representación de toda a sociedade», indican, e por iso haberá dez persoas de distintos sectores, desde traballadores do téxtil á medicina, pasando polo dereito o ensino ou os medios de comunicación, o teatro ou a restauración, que recitarán poemas nun acto presentado por lo secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos.

Despois do recital poético terá intervirá o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o seguinte será a actuación de Nova Galega de Danza. «Teremos un piano de cola», explican os organizadores, para que Margarita Viso Soto, presidenta da Asociación de Compositores de Galicia, interprete a Muiñeira para piano escrita por Canuto Berea «que dirixía a orquestra naqueles Xogos Florais», indican. Pechará os actos conmemorativos a actuación da Banda Municipal de Outes, de onde era Francisco Añón, gañador daqueles xogos. Ademais, o presidente da asociación cultural Terra de Outes, Ramón Blanco, entregará «un pequeno carballo» ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e un loureiro a María Rosa Saurin de la Iglesia, descendente dos organizadores daqueles primeiros Xogos Florais.