A RAG dedicará a Valentín Paz Andrade as Letras Galegas do 2012

a coruña / la voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Valentín Paz Andrade, retratado lendo un exemplar de La Voz de Galicia
Valentín Paz Andrade, retratado lendo un exemplar de La Voz de Galicia

A Academia salienta a súa polifacética e comprometida traxectoria

05 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) será o autor homenaxeado o vindeiro 17 de maio do 2012, Día das Letras Galegas. Así o decidiu «por unha ampla maioría», segundo subliñou Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega, o plenario da institución celebrado onte, onde tamén se acordou nomear académico de número a Xosé Fernández Ferreiro, que ocupará a cadeira que deixou baleira o finado Fernández del Riego.

Na sesión, que se alongou máis de tres horas, os 23 académicos presentes repasaron os méritos dunha vintena de posibles candidatos á conmemoración máis importante da lingua galega. Na rolda final, Paz Andrade impúxose a Xosé Filgueira Valverde. A polifacética traxectoria de Paz Andrade acadou finalmente o consenso da Academia, que valorou a súa traxectoria «como creador, periodista e empresario, e, fundamentalmente, como home comprometido co país e coa lingua».

Máis polo miúdo, os académicos puxeron de relevo «a súa tremenda contribución á modernización do periodismo en Galicia», recalcou Axeitos, onte voceiro da RAG por indisposición do presidente, Méndez Ferrín. «Neste tempos en que a comunicación está en momentos difíciles e controvertidos, foi unha figura moi clarificadora como empresario e como xornalista», sinalou antes de lembrar o seu papel como director do periódico Galicia.

Achega literaria

O compromiso coa terra, plasmado no ensaio Galicia como tarefa, e a achega literaria de pezas como Pranto matricial, «obra de referencia na poética galega», salientou Axeitos, foi tamén tido en conta á hora da elección, xunto co achegamento a outras culturas, como a luso-brasileira, reflectido en traballos como A galecidade na obra de Guimaräes Rosa, o seu discurso de ingreso na Academia en 1978. A RAG celebrará o acto central do 17 de maio nun lugar aínda por acordar coa familia e espera que as actividades en torno á figura de Paz Andrade se multipliquen ao longo de todo o ano. «Confiamos sempre na resposta do pobo, dos galegos, como sempre foi», concluíu Axeitos.