Ventos novos para Cunqueiro

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Galicia reivindica a obra do escritor no centenario do seu nacemento

24 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pasado o Día das Letras Galegas, a figura de Álvaro Cunqueiro colócase no horizonte como un dos referentes do que resta de curso cultural en Galicia. No mes de decembro celebrarase o centenario do nacemento do escritor e, como explicou onte Víctor Freixanes, «é mellor celebrar o nacemento dunha estrela que a súa desaparición».

A inauguración da exposición No niño novo do vento na Casa da Parra de Santiago marca o inicio dunha serie de actividades que, segundo explicou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, irán ganando frecuencia segundo se vaia acercando o final do ano.

A figura e a obra de Cunqueiro convocará actividades tan dispares como dispares eran os seus intereses. Mentres estes días se filma nos arredores de Corrubedo a versión de Se o vello Sinbad volvese ás illas, hoxe presentarase en Compostela unha iniciativa coordinada desde o CCG na que se pon de relevo o interese gastronómico do autor de As crónicas do Sochantre. A presentación dun libro con receitas gastronómicas recompiladas ou escritas por Cunqueiro será o centro dunha promoción que ata agora conta con corenta restaurantes en Galicia. En cada un deles se un cliente pide un dos pratos de Cunqueiro que ofrecerá o menú, será agasallado co libro que se presenta hoxe.

Pola súa banda, a editorial Galaxia está actualizando a súa Biblioteca Cunqueiro, que estes días pon nas rúas Tesouros novos e vellos, un libro que recolle entre outros textos o discurso de ingreso do escritor na Real Academia Galega, ademais dunha antoloxía de textos recollidos de prensa e outras publicacións.

«Levamos xa desde o ano pasado falando e traballando nunha celebración coordinada que divulgue a figura de Cunqueiro», apuntou onte Ramón Villares.

Neste sentido subliñou o presidente do Consello que un dos seus obxectivos é conseguir que Cunqueiro sexa «unha figura e unha lectura familiar para os máis novos».