La Voz convoca unha nova edición dos Relatos de Verán

redacción / la voz

CULTURA

Os textos dos lectores que resulten seleccionados publicaranse en agosto

09 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

La Voz de Galicia convoca unha nova edición dos seus Relatos de Verán para os lectores, que poderán participar cos seus textos en galego ou castelán. Os textos seleccionados publicaranse nas Páxinas Literarias do xornal ao longo dos 31 días do vindeiro mes de agosto, e ademais establécense dous premios, un para menores de 15 anos e outro para os participantes que superen esa idade.

A dimensión dos textos enviados para participar no certame non poderá exceder de 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos. Ademais, os orixinais deben acompañarse cos datos do autor -nome, idade, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a ser posible, unha pequena nota biográfica e unha fotografía tamaño carné- e co texto en soporte informático. Os menores de 14 anos precisan dunha autorización dos seus pais ou titores, que deberán enviar xunto cos seus datos.

As obras deben enviarse ao seguinte enderezo: «12.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, 84-85. Polígono Industrial de Sabón. 15142 Arteixo. A Coruña». Tamén se poden enviar ao enderezo electrónico relatos@lavoz.es. O prazo de presentación de orixinais comprende dende o 15 de xuño ata o 15 de xullo, ambos os dous incluídos.

Premios para os gañadores

Un xurado designado pola organización do certame seleccionará os relatos que se publicarán no xornal en agosto, tanto na edición impresa como na páxina web. Os lectores poderán votar a través dos cupóns que se publicarán no diario os relatos que consideren mellores en cadansúa categoría, para menores e para maiores de 15 anos. No primeiro apartado, o premio para o relato que acade maior puntuación consistirá nun iPad 2 3G con wifi de 16 GB e Apple Care Protection, mentres que os maiores de 15 anos terán como galardón para o primeiro clasificado unha tarxeta regalo para canxear por paquetes vacacionais por un importe total de 700 euros, xentileza de Viajes Iberia.

Ademais, todos os remitentes dos cupóns que participen na votación para elixir os mellores relatos entrarán no sorteo dunha selección da editorial Biblos Clube de Lectores.

Aberto o prazo da Novela por Entregas

Ademais dos relatos dos lectores, La Voz ten aberto o prazo para o premio de Novela por Entregas, do que sairá o texto que se publicará ao longo do mes de agosto. Os orixinais deberán estar escritos en galego e constar de 31 capítulos de 3.500 caracteres con espazos. O galardón está dotado de 6.000 euros. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de xuño e deben enviarse ao xornal catro copias do orixinal, a dobre espazo e por unha soa cara, polo sistema de plica cerrada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el.