Balbino como retrato de Galicia

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

As xornadas de homenaxe a Neira Vilas estudan a influencia da súa obra

13 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un escritor seriamente enfrontado á interpretación da súa obra. Pero contento. Xosé Neira Vilas asiste desde a primeira liña á homenaxe que lle rende a Liga Estudantil Galega na Facultade de Filoloxía en Santiago. Onte e hoxe, un longo número de voces das que se consideran autorizadas reparan na extensión e profundidade da obra do escritor. Da literaria e da outra. Pero co escritor diante. Neira Vilas asegurou, máis cedo que tarde, que estaba alí «para aprender».

Ramón Villares asumiu enseguida esa circunstancia particular de falar dun escritor co escritor diante e pediu «desculpas máis que retóricas» se o seu «xuízo se excede». Pero o escritor asentiu cun sorriso antes de facer un matiz sobre a palabra revolución no seu relato.

Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, foi un dos grandes protagonistas da primeira xornada. Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, tomou as Memorias para establecer un referente e, ao tempo, para buscarlle a temperatura aos paradigmas que o país ten sobre si mesmo. Apuntou que o libro estaba escrito fóra de Galicia porque quizais desde dentro «sería máis difícil facer ese retrato». Sinalou que, a pesar dos cambios, o «paradigma da imaxe de Galicia segue sendo o atraso e Balbino é un personaxe que retrata moi claramente as circunstancias dese atraso».

No mesmo sentido, Villares sinalou que a medida que ese «mundo rural desapareceu Balbino é hoxe moito máis Balbino, vai sendo cada vez máis referente». O historiador apuntou que sería necesario «repensar ese paradigma porque, en xeral, pécase dun exceso de pasadismo».

Xosé Neira Vilas recuperou unha pregunta común sobre o carácter autobiográfico desta novela. Nin confirmou nin desmentiu no aspecto máis rotundo, pero puxo as cousas máis cerca do seu lugar: «Non é autobiográfica nos detalles, pero si que o é no ambiente que conta». Engadiu que non acantazara «a ninguén, pero no xeográfico hai moitas coincidencias co meu territorio infantil, está o río e iso pode ser entendido como autobiográfico». As Memorias tamén estiveron presente na aproximación de Xosé Luís Axeitos e no percurso pola obra a cargo de Dolores Vilavedra.

Hoxe complétanse estas xornadas de homenaxe en Filoloxía cun recital de fragmentos de textos de Neira Vilas e un coloquio dos estudantes co autor. Méndez Ferrín e Víctor Freixanes participarán na homenaxe que terá á actriz Isabel Risco como presentadora. Haberá un recital musicado de Lucía Aldao e María Lado e mais a actuación de Mini e Mero para pechar as xornadas.

«Balbino non é autobiográfico nos detalles, pero si no ambiente que conta e na xeografía»

Xosé Neira Vilas