Condenados ao monólogo

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O sector escénico asegura que as contratacións se están reducindo ao 50%.

27 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Tal como se anuncia o futuro das artes escénicas en Galicia, o monólogo xerará un xénero abundante. Hoxe celébrase no mundo o Día Internacional do Teatro, unha arte que en Galicia anda no traspé da economía e pelexando por encontrar outras vías nas que a ditadura económica afecte na menor medida posible á capacidade de contar e de chamar polo público.

O presidente dos actores e actrices, Antonio Durán, Morris, apunta que hai unha redución das contratacións máis que evidente porque cando hai «unha redución das contratacións as compañías ofrecen obras con menos persoal e os concellos contratan obras con menos caché». Sinala que esta é unha circunstancia evidente, pero non a máis perigosa para o sector. Morris apunta que ata agora «conseguiuse unha imaxe da profesión na que se recoñecía o talento, a capacidade para facer produtos solventes e con atractivo para o espectadores». Isto, segundo o actor, «pode desaparecer e non me parece que sexa o máis pequeno dos males».

En perspectiva similar, aínda que desde outro punto, fala Ernesto Chao, presidente da asociación de compañías. Explica que a contratación «está agora mesmo ao 50% e as máis prexudicadas son as compañías con obras máis grandes, con máis de cinco actores, para entendernos».

Apunta unha redución drástica das programacións nos concellos, que se suma ao tempo que tardan en pagar as funcións. Aínda que é difícil situar os cachés medios das compañías, detalla o actor e responsable de Lagarta, Lagarta que para Cásting, a súa última montaxe, «só están previstas catro funcións en oito meses».

Sinala Chao que o caché para unha función con cinco actores pode estar entre «3.000 e 5.000 euros, e ese tipo de contratacións xa case é excepcional». Para os dous actores, explica, «pode estar entre os mil e os 3.000 segundo as obras e aí é onde agora mesmo está o peso». Chao descarta por completo as funcións con cachés entre os 6.000 e 7.000 euros: «Iso perdeuse xa agás para compañías de fóra nos circuítos da Caixa». O presidente das compañías sinala que non se van «montar obras grandes» porque as compañías saben «que non se van contratar por falta de cartos».