«A poesía galega contemporánea ten un rexistro moi elevado»

Xesús Fraga
xesús fraga SANTIAGO /LA VOZ

CULTURA

Sampson presentou unha escolma do panorama lírico actual en Galicia

12 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Con máis de cen anos de historia e 4.000 subscritores, a Poetry Review non só é a revista de referencia no eido poético no Reino Unido, senón que constitúe unha das publicacións máis activas e importantes do panorama literario británico. Dende o 2005, a poeta Fiona Sampson (Londres, 1968) é a segunda muller á fronte da revista -a anterior foi Muriel Spark- e onte visitou Santiago para presentar o suplemento que recolle os versos de 19 autores galegos contemporáneos, escolmados e traducidos por Jonathan Dunne, ademais de celebrar un encontro con escritores auspiciado polo PEN Club de Galicia.

-¿Coñecía antes a poesía galega contemporánea?

-Non tiña coñecemento previo da poesía galega, pero medrei en Gales e sempre sentín fascinación polo bilingüismo, que dá unha percepción da lingua moi interesante para un poeta. Así que tiña moito interese en explorar Galicia. Coñecía xa e valoraba o traballo de Jonathan como tradutor do búlgaro, polo que sabía que se nos propuña un suplemento sobre poesía galega o contido sería profundo e reflexivo, ademais de que a calidade das traducións sería moi boa.

-¿E que impresión lle produciu o que leu?

-Espertou en min moito interese e, dalgunha maneira, quedei sorprendida e entusiasmada. Creo que esta poesía é dramática, bastante confesional, ten un rexistro moi elevado, pero ao mesmo tempo emprega imaxes do subconsciente e dos soños. É moi diferente da poesía que se escribe en inglés ou en galés, que empregan formas moi tradicionais. Vexo conexións, por exemplo, con cousas da poesía eslovena, no sentido da liberdade. Para un lector británico isto resulta moi liberador.

-¿Que clase de resposta recibiu este suplemento?

-Todo o mundo foi moi entusiasta. É certo que non recibimos reaccións detalladas, xa que somos unha publicación a nivel nacional, non unha pequena comunidade. Claro que isto ten as súas vantaxes. E tamén houbo reaccións de sorpresa. A fotografía da capa principal da revista [coa escaleira helicoidal de Bonaval] tamén recolleu moitos eloxios.

-Un dos retos para a cultura galega é a creación dun organismo que a difunda e lle dea visibilidade no exterior. ¿Como cre que podería ser este proceso?

-As colaboracións e intercambios son moi importantes, non só os de carácter informal, nos que os escritores se interesan pola obra doutros. Os programas de intercambio de traducións teñen un bo resultado: en Irlanda contan co centro Tyrone Guthrie e en Gales tamén teñen un, onde os tradutores poden traballar, e logo vir aquí a Galicia e facer o mesmo. Pero que eu non coñecese a literatura galega non fala mal dela, senón que en Inglaterra os escritores adoitan ser moi insulares. Para coñecer outras culturas hai que facer un esforzo e atoparse a metade de camiño.

fiona sampson directora da revista británica «poetry review»