Cunqueiro retorna á vida no último reino de Merlín

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro MONDOÑEDO / LA VOZ

CULTURA

O mundo das letras lembrou, no 30.º aniversario do seu pasamento, ao escritor no Mondoñedo da súa infancia

01 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Arredor da figura de Cunqueiro, o mundo das letras celebraba onte unha dobre efeméride. Porque o 28 de febreiro é o cabodano da morte do autor de As crónicas do Sochantre, e ademais este é o ano do centenario do seu nacemento. Moi probablemente por iso, o ceo encargouse onte, e co maior dos empeños, de que Mondoñedo estivese envolto, neste devalar do inverno, nunha luz que confirmaba, desde primeira hora da mañá, o que tantos esperaban: que Merlín acabaría por facer acto de presenza en calquera momento. Coa súa cidade irmá, Ferrol, como convidada de honra -a capitalidade da diócese que unha vez tivo por bispo a Frei Antonio de Guevara, do que don Álvaro era tan devoto, compártena, desde o pontificado de Xoán XXIII, ferroláns e mindonienses- , Mondoñedo serviu onte de escenario á lembranza dun escritor que hoxe, desde o envés da vida, brilla con máis forza que nunca nas letras europeas.

Os actos comezaron, como é tradición xa, cunha ofrenda de flores, de mindonienses e ferroláns, no Cemiterio Vello, onde Cunqueiro descansa detrás dunha lauda que lembra, como el quería, que quen alí xace quixo que Galicia vivise, a través da súa lingua, «mil primaveras máis». E culminou no salón de plenos da casa consistorial, onde a conferencia maxistral en lembranza de Cunqueiro correu, este ano, a cargo de Ramón Pernas, o recente gañador do Premio Internacional Alarcos de Novela.

«Teño eu para min -dixo Pernas- que xa a primavera é máis que un presentemento no último día do segundo mes do ano. Viaxabamos xuntos Corda abaixo, e eu me paraba nas cores da mañá, na luz froital que se esvaía e que corría diante de min para que non puidese apresala de xeito permanente, por se un día tivese que contar Mondoñedo [...] Tiña que acontecer desta maneira. E busquei sen fortuna o primeiro merlo, e a Selva de Esmelle era o bosque de Silva ao pé da preza, e nunha folla voandeira que estaba tendida no chan coma unha alfombra de letras lin eu -engadiu- a esquela que nas ventás de Batitales e da Cruz foi dando conta e razón do balairro que atopei sendo cabo da catedral, con seu traxe de bronce».

«Son eu hai cincuenta anos»

«Ao dobrar a rúa -dixo, tamén, Ramón Pernas-, son eu hai cincuenta anos, que me dispoño a salir da casa do Señor Mourelle; e son as sete do Día Grande das San Lucas, e don Álvaro dime que porte o estandarte e a corporación cívica vai subindo ata Os Remedios, cantando un himno que enche o outono de música». E o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, subliñou que Cunqueiro simboliza con especial intensidade «un dos maiores valores mindonienses e de toda a Galicia do Norte, a que ten as súas capitais en Mondoñedo e Ferrol: a capacidade de soñar».

A xornada culminou cunha lectura pública de textos de Cunqueiro. E mentres a palabra cunqueiriana revivía, a través das voces dos seus lectores, entre aquelas vellas pedras da casa consistorial, a través da ventá ían entrando tamén no edificio, como se a man de Merlín os trouxese, os ecos das rúas mindonienses, tan dadas, en efecto, a latíns, a prodixios e a pan. As rúas nas que a literatura lle daba a man á vida. E alí todo era, claro, unha emoción.