A Asociación de Escritores en Lingua Galega outorgou o Premio Os Bos e Xenerosos por unanimidade ao escritor galego
20 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.As institucións culturais de Galicia non esquecen a Francisco Fernández del Riego. O patriarca das letras galegas morreu o 26 de novembro do 2010, aos 97 anos, e nótase que eran moitos os que o apreciaban como persoa, ademais de polo seu incansable traballo a prol da lingua galega, xa que as homenaxes fan que o espírito de don Paco reviva coa mesma constancia que caracterizou a vida do ilustre intelectual.
Onte, os honores viñeron da man da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que na oitava edición do Premio Os Bos e Xenerosos que concede anualmente o colectivo, decidiu outorgalo por unanimidade a Fernández Del Riego, «polo seu silencioso e incansable traballo que mantivo aceso o facho da cultura galega en tempos moi difíciles». Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, reivindicou a súa figura como «construtor da nación» e lembrou que a decisión lle fora comunicada no seu día e amosárase contento e disposto a ditar unhas palabras de agradecemento. Foi a súa irmá, Ana María, a encargada de recoller o premio que recibiu «con gratitude e saudade pola ausencia de Paco, que viviu en, por e para Galicia». O encontro foi máis íntimo que o promovido hai un mes pola Fundación Penzol e a editorial Galaxia, pero non por iso menos emocionante.
Os amigos e admiradores do finado escritor acordaron reunirse nun espazo moi especial, a Fundación Penzol, que dirixiu en Vigo durante case 47 anos, 25 deles no seu actual emprazamento no edificio da Casa Galega da Cultura. Como sinalou o seu actual director, Francisco Domínguez, «a Penzol é o seu santuario, aquí está a súa biblioteca, o arquivo e a pinacoteca que doou á cidade coa xenerosidade que sempre lle caracterizou, aquí vive e segue vivindo a través da súa obra, e a mellor homenaxe que se lle pode facer é seguir acudindo á Penzol para seguir estudando a lingua galega», dixo.