Poesiagalega.org é «antes que outra cousa unha base de datos dixital sobre a poesía no campo cultural galego». Así a definiu na súa presentación o coordinador do proxecto, Arturo Casas. Ademais de ser o repositorio para a poesía galega, este proxecto ofrece unha revista poética de periodicidade semestral que é unha plataforma para a publicación de dosieres sobre a poesía e sobre a súa presenza e relación coa sociedade.
Esta base de datos está aloxada no portal do Consello da Cultura Galega e ten neste momento unhas duascentas fichas tras pouco máis dun ano desde o comezo do proxecto. O horizonte está situado, polo de agora, nas 1.500.
O proxecto está promovido polo Grupo Alea de Análise Poética, incorporando elementos ademais dos textos, vídeos, fotografías, arquivos de son e libros dixitalizados que poden ser consultados en rede ou descargados.