Os autores galegos piden que se pare o Gaiás pola falla de proxecto

santiago / la voz

CULTURA

Cesáreo Sánchez renova como presidente dos escritores en lingua galega

06 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou onte a súa asemblea xeral, na que se renovou o consello directivo, que seguirá presidindo Cesáreo Sánchez, e que contará coa incorporación de Carlos Negro e Eduardo Estévez, que se centrarán na área de Santiago. O colectivo reclamou unha moratoria na construción do Gaiás «ata que non haxa un proxecto viable, sostible, e economía para poder facelo», afirmou Sánchez, quen manifestou o seu malestar con que se desvíen fondos da Consellería da Cultura a este proxecto. «Non se pode polo Gaiás retirar nin un euro da Consellería de Cultura», avanzou.

Entre os erros da obra arquitectónica figura por exemplo un auditorio de 120 butacas na biblioteca onde non se poden representar obras de teatro. «Hai que facer un uso máis racional das actuais instalacións», indicou o presidente da AELG, engadindo que «o feito de que usemos estas instalacións non quere dicir que as lexitimemos».

Os escritores en lingua galega amosaron o seu rexeitamento ás políticas da Xunta que, segundo este colectivo, desmonta todo o construído por xeracións de autores ao longo dos últimos trinta anos. De feito, Sánchez afirmou que o actual é o Goberno que peor está tratando á cultura galega, un sector que representa máis do 2% do PIB e emprega a 27.000 persoas en Galicia.

Ademais de reclamar un maior apoio, o presidente da AELG valorou de xeito negativo a política lingüística da Xunta, que, na súa opinión, está levando «a que o galego vaia de mal en peor coa perda de falantes. Denunciamos reiteradamente esta regresión», ao contrario do que ocorre en Cataluña, onde as políticas levadas a cabo polo Goberno revertiron nun aumento dos falantes da lingua propia.