Neira Vilas lembrou na presentación da versión escénica aqueles anos nos que Bos Aires era «capital da cultura galega»
26 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.«O sorprendente é que cincuenta anos despois de escribilo esteamos celebrando a edición dun libro co autor diante». Así explicou en Compostela Xosé Neira Vilas a sorpresa que supón para el o protagonismo de Memorias dun neno labrego. Onte presentouse no Salón Teatro a adaptación escénica que estreará Cándido Pazó (e que estará no Salón Teatro toda a fin de semana) e hoxe, tamén en Santiago, Galaxia amosa a edición para este 50.º aniversario con debuxos de Xaquín Marín.
Neira Vilas lembrou na presentación da versión escénica aqueles anos nos que Bos Aires era «capital da cultura galega». Neses anos, segundo explicou o autor, quixo «escribir unha novela para os emigrantes, que coincidise con algunhas das súas experiencias». Mentres Cándido Pazó explicaba que a súa versión só podía ser «leal ao texto adaptándoa aos xeitos de agora», o novelista respaldou o traballo do actor e director asegurando que era extraordinario tanto de «posta en escena como de interpretación». Pazó sinalou que estas son en realidade unhas memorias das Memorias dun neno labrego: «O que para min é importante é evocar as cousas que evoca o libro, pero evocar só podo facelo desde a miña lectura particular». Galaxia, ás 20 horas, presentará no centro social de Novacaixagalicia a edición conmemorativa deste libro, que cumpriu cincuenta anos redondos neste mesmo mes de xaneiro.
Xosé Neira Vilas explicou que na literatura contemporánea «non é importante a orixinalidade, porque o que busca a xente é a autenticidade, e este é un libro auténtico que conta unha historia auténtica».