O centenario de Cunqueiro fai que Galicia ilumine as letras de Europa

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

Institucións de todo o país lembrarán este ano ao escritor, que naceu ás portas da Noiteboa do 1911 e faleceu en 1981

09 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

É unha afirmación moi frecuente a que asegura que algunha estraña lei, froito dos designios do invisible, obriga con man de ferro a que todo escritor pase por un triste purgatorio despois da súa morte. Un purgatorio de silencios do que só sairá, uns anos máis tarde, se en verdade merece entrar a formar parte do firmamento dos clásicos. Porque, en caso contrario, chegará, de xeito inexorable, para o penitenciado (ben se sabe que os mortos non fan favores...), o esquecemento. É é certo que esa afirmación, non exenta dun modesto alento poético, parece poder aplicarse, dun xeito case científico -digámolo así, desenfadadamente-, a moitos dos autores que todos temos agora mesmo no pensamento. Pero se reflexionamos un instante, veremos que case nada ten que ver iso, tan manoseado, co caso de Cunqueiro. Porque o que a el lle aconteceu xa non só de morto, senón de vivo tamén con frecuencia, foi que a grandeza da súa escritura, a extraordinaria fondura da súa obra, fixeron que, por falta de perspectiva, non fosen realmente capaces de vela tantos e tantos dos que estaban cerca.

Mais agora, ao cumprirse o centenario do seu nacemento (Cunqueiro viu a primeira luz en vésperas da Noiteboa do 1911, o día 23 segundo algúns autores, e o 22 en opinión doutros que non coinciden con eses), o escritor mindoniense, do que Carlos Casares dicía que tivo o Nobel inmensamente máis cerca do que o seu país chegou a imaxinar, e que só os últimos fusilamentos do franquismo o afastaron do premio para sempre, ilumina as letras europeas coa luz do imperecedoiro. E con el, co autor de Merlín e familia , desde o reino dos inmortais, brilla, claro está, esa Galicia que na súa ausencia xamais tería sido a mesma. Todo tipo de institucións, desde a Real Academia Galega, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez e Ámbito Cultural de El Corte Inglés ata a Academia de San Rosendo e por suposto concellos coma o de Mondoñedo, preparan actos para os próximos meses. O Universo Cunqueiro, tan admirado por creadores como Tabucchi, Vila-Matas e Claudio Magris, medra, no reino da eternidade, constantemente.