Homenaxe en Baiona ao tradutor Fernando Pérez-Barreiro no seu cabodano

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

Foi un pioneiro e sobranceiro tradutor, ademais dun incansable activista cultural

07 ene 2011 . Actualizado a las 02:05 h.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, Inglaterra, 2010) foi un pioneiro e sobranceiro tradutor, ademais dun incansable activista cultural. Autor da primeira versión de Shakespeare en galego, Macbeth, en 1972, traduciu tamén varias obras directamente do chinés e en 1985 foi Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís por Alicia no país das marabillas e Alicia ao outro lado do espello, xunto coa súa dona Teresa Barro. Tamén traballou nos servizos exteriores da BBC.

Cando se cumpre o seu cabodano, o Igadi organiza unha homenaxe que se celebra ás 20.00 horas de hoxe no hotel Bahía, de Baiona. Nun acto conducido pola xornalista Mari Pereira, intervirán Xulio Ríos, Nicolás Vidal, Francisco Xosé Fernández Naval, Francisco Silva Castaño e Xosé Luís Franco Grande. A homenaxe, no que haberá unha interpretación musical a cargo de Inma González, rematará cunhas palabras de Teresa Barro.