Libros del Silencio editará en maio a versión bilingüe da obra completa de Pereiro

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

O volume recolle todos os títulos de Lois Pereiro, traducidos especificamente ao castelán para esta edición por Daniel Salgado.

31 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Día das Letras Galegas transcenderá nas letras españolas. Así o espera Gonzalo Canedo, editor galego afincado en Barcelona e responsable do selo Libros del Silencio, que publicará o vindeiro 17 de maio a obra completa de Lois Pereiro, por primeira vez en edición bilingüe galego-castelán.

«Queremos demostrar que Pereiro está entre os mellores poetas da literatura española da segunda metade do século XX», apuntou Canedo.

O volume, que se incluirá na colección Preciosa y el aire , recolle todos os títulos de Lois Pereiro, traducidos especificamente ao castelán para esta edición por Daniel Salgado. Os textos que compoñen esta obra completa son as coleccións de versos Poemas 1891-1991 , Poesía última de amor e enfermidade , Poemas para unha Loia ; a novela inconclusa Náufragos do Paradiso , o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal e o epistolario Conversas ultramarinas .

Nova entrega de Celso Castro

Non será a obra completa de Lois Pereiro a única presenza galega no catálogo de novidades de Libros del Silencio para o primeiro semestre do vindeiro ano.

O coruñés Celso Castro publicará na editorial barcelonesa astillas , a segunda entrega dos seus «relatos del yo», unha triloxía que iniciou en maio deste ano coa edición de el afinador de habitaciones .