O volume recolle textos sobre as estadías do intelectual en París e as visitas a outras cidades europeas
31 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O talento e a capacidade de traballo que caracterizaron a Francisco Fernández del Riego (1913-2010) lle permitiron, entre moitas outras tarefas, deixar unha ampla obra literaria. Agora, a editorial Galaxia, o selo que axudou a fundar e dende o que teimou na reconstrución cultural do galeguismo durante os anos da ditadura, anuncia a publicación dun libro inédito do intelectual. O volume recollerá textos de Fernández del Riego sobre as súas visitas a París e a outras cidades europeas, unha tarefa de recompilación e edición na que colaborou co escritor a investigadora Malores Villanueva. As páxinas abranguen as estadías, as lecturas, os encontros e as persoas relacionadas con estas viaxes.
Segundo explicou o director de Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, é moi posible que este volume con obra inédita sexa o primeiro dunha biblioteca de autor dedicada a Fernández del Riego, ao estilo das que o selo ten abertas para escritores como Castelao, Cunqueiro ou Blanco Amor, entre outros. A súa publicación aínda non ten data, pero Freixanes confirmou que será ao longo do vindeiro 2011: «Está pendente do plan estratéxico para o ano».
Non será a única novidade de Galaxia relacionada con Del Riego, xa que un dos números de Grial, a revista que el mesmo puxo en marcha, estará dedicado á súa vida e obra.
Homenaxe en Vigo o día 14
Ademais, Galaxia celebrará o vindeiro día 14 unha homenaxe «cultural e literaria», en palabras de Freixanes, que terá lugar en Vigo, a cidade na que faleceu Del Riego o pasado 26 de novembro e na que transcorreu a súa biografía dende o remate da Guerra Civil.
Dende Vigo, Fernández del Riego reactivou a vida cultural do galeguismo, en frontes tan diversas como a fundación de Galaxia, a recuperación de escritores como Cunqueiro e Fole e a comunicación do exilio cos intelectuais que quedaran en Galicia.
Este traballo de ponte levou a Del Riego a efectuar numerosas viaxes, principalmente a América Latina, pero tamén a Europa, destinos que conforman a base do inédito que publicará Galaxia, e no que París desempeña un papel importante. O escritor era un gran coñecedor e admirador das letras francesas, e dedicaba a cotío artigos a autores como Chateaubriand ou Proust, ademais de a movementos literarios como o noveau roman. En artigo publicados en La Voz hai anos rememorou a visita que fixo á Biblioteca Nacional en París, co gallo dunha exposición dedicada a Proust -que tería continuación en Combray, a vila onde acontece a meirande parte da narración de Á procura do tempo perdido-, ou ao Petit Palais, a ver unha antolóxica de Toulouse-Lautrec, na compaña do pintor Colmeiro.
«Unha forma de alimentación»
Eran estas viaxes que conectaban a unha cultura, a galega, en reconstrución no illamento do franquismo, coa actualidade europea, ao mesmo tempo que «unha forma de alimentación», como a cualifica Freixanes, xa que axudaban a «cargar as pilas».