Karaoke, documental sobre o proceso de gravación e unha longa lista de colaboracións musicais
CULTURA
As dez cancións de Celtic Roots son só o centro dun proxecto que quere moverse alén da música. O disco busca ofrecer aos seus usuarios algo máis de información sobre un proceso de traballo longo e tamén a posibilidade de que quen o escoite poida cambiar o seu papel de escoitante polo de cantante, como acontece tantas veces coa música popular.
No DVD que forma parte do pack vai incorporado un karaoke para que os compradores do conxunto poidan sumarse como integrantes dos coros dos cativos. No mesmo DVD tamén se poden ver os catro videoclips gravados e un documental a xeito de making of sobre o proceso de gravación do disco. Aínda hai máis: ao pé das dez cancións, o disco incorpora unha pista interactiva que inclúe partituras, letras das cancións.
No pequeno documental sobre a a realización do disco, ademais dos rapaces dos tres países, aparecen unha grande parte dos colaboradores que se foron sumando a este proxecto transfronteirizo.
Na nómina de Celtic Roots participan músicos para complementar as gravacións dos alumnos, músicos fundamentalmente procedentes do folk, como James Mahon, Graham Henderson, Angela Durcan, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Antón Seoane (ex Milladoiro), Xaquín Xesteira (Treixadura), Rodrigo Romaní, Luís Caruncho, Chisco (Son de Seu) e Guille Fernández (Berrogüetto).