Luar na Lubre mergúllase na música medieval en «Solsticio»

Juan Fariña A CORUÑA/LA VOZ.

CULTURA

O novo disco da banda inclúe pezas de Afonso X, Martín Códax e o Códice Calixtino

04 dic 2010 . Actualizado a las 03:26 h.

O peche dun ciclo. Así presenta Luar na Lubre o seu novo traballo, Solsticio , que pretende culminar unha parte da historia da banda coruñesa que comezou en 1997 co álbum Plenilunio . O novo disco presenta como un dos seus elementos máis marcados a recuperación que fixo a banda de varias melodías galegas que teñen a súa data de nacemento na idade media, un dos períodos máis fértiles na historia dos sons do país. Luar na Lubre recupera, seguindo este guión, cantigas de Afonso X, que transforman en temas folk titulados O son das pedras e Na frouseira/Maravillosos e piadosos , e tamén composicións dese xigante creativo que foi Martín Códax como Mia irmana fremosa -que combinan cun tema tradicional como a Muiñeira de Poio - ou Quantas sabedes .

Este tour de force coa tradición medieval xustifica que Bieito Romero sinalara na presentación do disco que «unha nova etapa é un novo nacer. Tras o álbum Ao vivo había que dar pasos seguindo a cordura do que fixemos. Así que nos adentramos na estética da música medieval que, en Galicia, temos a sorte de que sexa moi rica. O galego usábase como idioma culto na corte de Afonso X, os trobadores compoñían, e todo iso ten unha riqueza impresionante. Nesta ocasión, abrimos unha vía diferente que combina a música tradicional cunha parte máis evolucionada. O disco, esteticamente, varía por este novo concepto. É música medieval con tratamento folk», explica. Romero sinalou que para a elaboración desta gravación o grupo traballou con máis de mil partituras, e seleccionaron as que mellor se adaptan o seu estilo. Respecto ao título, a banda explicou que o seu desexo era «aunar a tradición pagá do solsticio de verán coa relixiosidade, especialmente a do cristianismo, que se vincula ao solsticio de inverno».

Coñecemento histórico

O fondo coñecemento histórico que un artista como Bieito Romero ten da historia da música galega tamén se nota na relectura de cancións como A miña amiga , do hoxe esquecido Xosé Quintas Canella, aínda que sempre reivindicado por Bieito, e dun clásico inmortal como Ven bailar Carmiña . Este repaso que parte do álbum fai da historia da música galega complétase coa versión que Luar na Lubre ataca do celebérrimo Romance de don Gaiferos , un romance tradicional no seu día adaptado por Faustino Santalices, o gran recuperador no século XX da música galega de raíz tradicional. Este tema conta a peregrinación a Santiago do duque de Aquitania en 1137, que morreu nada máis chegar á catedral compostelá.

Bieito Romero aporta varias composicións ao disco, como Doentes ou Trasmontana, que dotan á gravación dunha oportuna dose de contemporaneidade. En suma, se, como di a banda, Solsticio é o peche dun ciclo, este final consegue aunar varias tradicións sonoras galegas e envorcalas no que actualmente significa ser unha banda de folk: músicos que partindo dos sons de raíz tradicional que unha cultura xuntou ao longo da súa historia conseguen facer algo novo coas ferramentas creativas do presente. Distínguese Luar na Lubre da maioría dos seus coetáneos da mesma escena musical pola virtude da estabilidade, un elemento que o grupo destacou onte como unha das súas grandes calidades, e que serve para navegar cun norte creativo de calidade nun mundo no que o afundimento das vendas de discos e a crise económica xeneralizada condenou a moitos artistas galegos a desistir de gravar discos.