Máis de once mil persoas participaron nun Culturgal que buscará a consolidación da cita para o futuro

La Voz PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA CIUDAD

29 nov 2010 . Actualizado a las 02:01 h.

Satisfacción por parte dos organizadores despois da terceira edición da renacida feira das industrias de Galicia, Culturgal. Unha feira que se celebrou durante tres días no pazo de congresos de Pontevedra e na que segundo as primeiras cifras ofrecidas pola organización participaron once mil persoas.

As distintas organizacións sectoriais implicadas na organización do Culturgal valoraron de xeito moi positivo unha cita que recuperaba a súa localización en Pontevedra e que pretendía resumir nun só evento toda a oferta cultural galega máis recente.

Os implicados das sete asociacións de empresas culturais convocantes da cita sinalan dous feitos nos que se pode focalizar o éxito desta cita: dunha banda a convocatoria de público cos once mil participantes e por outra a capacidade da feira para «poñer en relación os distintos sectores culturais galegos», segundo Xulio Amigo, presidente das empresas musicais que sinalou como exemplo a incorporación e participación dos libreiros na feira.

Pola súa parte, o presidente dos editores galegos apuntou que unha das chaves do éxito do Culturgal está «no xeito en que foi creado» tentando ampliar o número de sectores participantes. Manuel Bragado apuntou tamén a importancia de incorporar ao Culturgal aqueles sectores que aínda participaran na convocatoria da feira. O outro punto de importancia na valoración do Culturgal é o feito de que os promotores buscarán a consolidación da feira para as futuras edicións, en primeiro lugar pola continuidade da Asociación Culturgal, que agrupa as distintas asociación sectoriais que puxeron en marcha a feira co apoio da Agadic. Consideran dende esta asociación que a próxima edición da feira debe botar a andar e apuntan que un dos camiños a seguir para as próximas edicións é profundar na combinación dun público profesional que esperan que medre e da participación do público xeral.