Fernández Paz rexeita o galardón «por coherencia»

La Voz

CULTURA

17 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando a consellería cambiou a natureza dos premios culturais galegos, Agustín Fernández Paz manifestou o seu desacordo con esta medida sinalando que o cambio era un desaire para a cultura do país. Onte, tras coñecer que era o galardoado na categoría de letras, o escritor decidiu non aceptar o premio «en coherencia» coa súa postura. Nun comunicado emitido onte, o escritor agradecía o feito de que xurado valorase a súa obra, mais aclara que non pode aceptar o premio. Fernández Paz remitiu as súas razóns ao comunicado publicado pola plataforma Prolingua sobre estes galardóns o pasado mes de outubro. Nesa data, Prolingua facía un chamamento para que «as brillantes sensibilidades e as mellores intelixencias deste país non acepten ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia», en referencia á lingua.