Menchu Lamas, Eduardo Alonso e Vaca Films, premiados por Cultura

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

A Fundación Barrié, a Editorial Galaxia e a Sinfónica de Galicia foron distinguidas pola consellería

17 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os sete premiados dos galardóns da Cultura Galega foron dados a coñecer onte pola Consellería de Cultura noutras tanta modalidades, con diploma e sen dotación económica. Os distinguidos foron Agustín Fernández Paz, na categoría de letras; Menchu Lamas, en artes plásticas; Eduardo Alonso Rodríguez, en artes escénicas; a Fundación Barrié, na de Patrimonio Cultural; a Editorial Galaxia, en promoción cultural de Galicia; a Orquestra Sinfónica de Galicia, en música, e Vaca Films, na de creación audiovisual. O escritor Agustín Fernández Paz anunciou nada máis coñecer o premio que non o aceptaría.

A segunda sesión, e definitiva, de deliberación dos premios celebrouse na Cidade da Cultura. Estivo presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contou coa participación como vogais institucionais do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o vicerreitor de extensión universitaria, cultura e sociedade da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Garbayo, e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa. A estes membros sumáronse os designados por Cultura, o catedrático de Teoría da Literatura e secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva; o profesor e crítico de arte Antón Castro Fernández, a arquitecta Isabel Aguirre Urcola e o compositor Juan Vara García.

Aínda sen fixar a data, os premios serán entregados no mes de decembro nunha gala na que se fará recoñecemento oficial aos galardoados.

Estes premios foron recibidos no seu día con frialdade por un sector da cultura galega, entendo que eran unha versión empobrecida dos postos en marcha pola Consellería de Cultura do anterior goberno que recibían o apelido de «nacionais» e que tiñan unha dotación económica de 15.000 euros por cada categoría. Cultura contestou a estas críticas que os premios tiñan máis importancia polo recoñecemento que supuñan que pola súa dotación.