Ana Laborinho: «A nosa rede de centros incluirá programación cultural galega»

Joel Gómez SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

«O portugués é unha lingua internacional e os galegos poden aproveitar o seu valor económico», afirma a presidenta do Instituto Camões de Portugal.

11 nov 2010 . Actualizado a las 02:47 h.

A profesora Ana Paula Laborinho, presidenta do Instituto Camões, asistiu a un encontro no Consello da Cultura Galega, onde un público maioritario de docentes e escritores galegos e portugueses, e un brasileiro, se comunicaron sen necesidade de tradutores. «O galego ao ser falado será entendido da mesma maneira que o portugués», afirmou. No auditorio estaban o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e representantes da Real Academia Galega e da Academia Galega da Língua Portuguesa.

?¿Que conclusións leva deste encontro en Santiago?

?As cuestións debatidas mostran paixón, e son sinal de vitalidade da cultura e da lingua galegas.

?¿Como é vista a cultura galega en Portugal?

?No meu propio imaxinario sempre estivo presente, porque na miña formación como profesora comezábamos o estudo da literatura portuguesa polas cantigas galaico-portuguesas. Naturalmente, precisamos reforzar a relación e o coñecemento mutuo.

?¿Que relación ten o Instituto Camões con Galicia?

?Temos apoiado a cooperación entre as universidades galegas e as do norte de Portugal para fomentar unha ciencia e o coñecemento conxunto. A través do noso centro de Vigo procuramos a divulgación da cultura portuguesa. Temos que facer máis. No contexto das diversas rexións da España temos interese nunha intervención forte na Galiza.

?¿Que espera do protocolo asinado co Consello da Cultura Galega e do contacto co conselleiro de Educación?

?Nós procuramos responder ás ambicións galegas, representadas polas autoridades locais. Foi subliñada a falta de profesores especializados, un aspecto moi importante. Portugal é responsable de seis profesores no ensino primario galego, na perspectiva dos nosos descendentes, que hoxe non son os únicos públicos que teñen que frecuentar esas aulas, tamén os galegos, e todos os que se interesen polo portugués.

?¿Como corresponderá o Instituto Camões?

?Ofrecemos a nosa rede, diseminada por varios países: 67 centros de lingua, 19 centros culturais, e protocolos con 230 institucións no mundo. Esa rede incluirá unha programación cultural, e materiais que divulguen a lingua e a cultura galegas. E do mesmo modo, queremos usar aquí o Consello da Cultura Galega como un punto de apoio para a divulgación da lingua portuguesa na Galiza.

?¿Aumentará a comunicación de galegos, portugueses e brasileiros nunha lingua común?

?Nós non queremos interferir en cuestións de lingua internas, e que os propios galegos terán que resolver. Hai unha posición que aquí se falou, no sentido de que o portugués se ensine nas aulas de lingua galega, e ese debate ten que ser decidido na Galiza, e nós corresponderemos ás propostas que nos fagan. O portugués é unha lingua internacional, e os galegos poden aproveitar o seu valor económico sen dificultades. Temos que encontrar converxencias que nos unan e insistir na funcionalidade da lingua que falamos, no valor da intercomprensión entre as linguas, que é un valor fundamental na actualidade.