Cándido Pazó: «Escollín as partes do libro que máis chaman pola emoción»

Camilo Franco REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

O narrador estrea a primeira versión escénica en Galicia da célebre obra de Neira Vilas «Memorias dun neno labrego»

30 oct 2010 . Actualizado a las 02:06 h.

Un dos personaxes máis coñecidos e recoñecidos da literatura galega, senón o máis, terá dende hoxe versión teatral. Cándido Pazó animará a Balbino, ese neno labrego de Xosé Neira Vilas, que hoxe comeza vida no auditorio da Illa de Arousa e que a primeiros do ano vindeiro comezará xira no Salón Teatro de Compostela.

-¿Por que trasladar a historia de Balbino do papel aos escenarios?

-Había bastante tempo que tiña ganas de facer esa translación. En parte porque permite desenvolver o meu interese por facer xéneros híbridos, en parte porque é un personaxe que case todo o mundo coñece e ten na cabeza e tamén porque no ano próximo cúmprense 50 dende a súa publicación inicial e se non o facía agora xa non o faría.

-¿A adaptación escénica vai responder a ese carácter híbrido?

-Vai ser un monólogo que, por un lado, vai respectar as convencións teatrais, pero por outro quere comportarse como unha narración oral. A obra titúlase Memoria das memorias dun neno labrego e, respondendo a iso, hai momentos do espectáculo nos que Cándido fala desde Cándido e outros nos que falo como un dos personaxes, pero sen saír moito de como se encarnan os personaxes na narrativa oral. Pero como a obra ten luz, música e videocreación, conta cun discurso escénico como o do teatro.

-¿Queda lugar para a improvisación?

-Hai marxe pero sempre digo que canto mellor saibas o texto máis posibilidade de improvisar, canto mellor coñezas a ruta máis seguro é deixar a autopista e facer variacións. Coas improvisacións tamén hai o risco de que o espectáculo se alongue. Porque se o público responde ben, todos os que andamos nestas cousas temos o vicio de seguir e, ao final, o espectáculo pode resultar longo por máis divertido que sexa.

-¿Cales son as partes que protagonizan a adaptación?

-Escollín as partes que máis chaman pola emoción, que creo que son as que explican o éxito do libro: pasaxes das pedradas, de Pachín, da mestra da que se namora. Escollín esas sobre aquelas máis de pensamento, como o de ser sancristán. Pero logo arredor diso hai unha aportación de cousas da tradición oral, algo de memoria colectiva para poder incorporar algo de humor porque quizais podería o espectador saturarse se quedo só nas emocións.

-¿Non sente algo de peso da responsabilidade de representar unha das historias máis coñecidas da literatura galega?

-Teño ese sentido da responsabilidade, pero tamén hai algunhas circunstancias que me tranquilizan. Polo que vai dicindo a xente, as partes que ten na cabeza son as que eu fun escollendo. Tamén hai que entender que isto é un espectáculo e que, sobre todo, ten que ter sentido como espectáculo independentemente de onde proceda.

-¿Falou con Neira Vilas sobre a adaptación?

-Falei con el pero non da adaptación. Deume, iso si, un dato que me tranquilizou porque imos estrear agora por unha circunstancia legal, pero a estrea definitiva será en xaneiro, cando o 50.º aniversario. Pero el díxome que o libro publicouse en 1960, aínda que non se presentou ata o 61. Quedei a gusto porque deste xeito cumpro igual coas datas e hai, coma no libro, dúas datas. Non me preguntou polos xeitos da adaptación, pero tenme visto actuar. Si dixo que hai moitos anos, en Yucatán, fixérase unha adaptación por unha compañía afeccionada, aínda que nun sentido moi diferente desta adaptación.