Novos artistas galegos enchen rúas e galerías da Coruña coas súas obras

R. G. A CORUÑA/LA VOZ.

CULTURA

Baixo o lema «Cartografías quebradas», 14 autores amosan desde instalacións a fotografías, pintura ou danza

03 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O outono da arte está desde onte en galerías e rúas da Coruña. Os protagonistas desta nova edición de Outonarte son 14 novos artistas galegos, comisariados por Seve Penelas que, na súa explicación das distintas obras que poderán verse durante máis dun mes, indicou que moitos dos participantes están en lugares como Londres, Nova York, Teruel ou calquera lugar de Galicia.

«Este é un escaparate para amosar a vitalidade das artes plásticas», aseguraba María Xosé Bravo, concelleira de Cultura, despois de lembrar que esta é a terceira edición de Outonarte. O comisario da mostra foi explicando o traballo de cada un dos artistas, a maioría dos cales amosan as súas obras de pintura, cadros de luz, acrílicos ou composicións na sala municipal de Palexco e outros son autores de diferentes instalacións en espazos públicos da cidade.

Sobre estes últimos, Penelas mencionou a intervención de Arturo Fuentes: «Para non desvelar moito, direi que un dos elementos da mesma son as páxinas de economía dos xornais, que non están postas precisamente polo seu colorido», ironizou. Na zona do Obelisco, no centro da cidade, tamén se atopan dous containers, un cunha intervención de Christian Garbía Bello, e outro, cunha performance de María Marticorena.

Otra das intervencións que salientou o comisario foi a de baixar dous dos oito bustos que están situados no edificio de La Terraza, nos xardíns de Méndez Núñez. Estas esculturas son as de Antón Vilar Ponte e Julio Camba, «dous extremos dos galeguismo que, curiosamente, ningún deles ten rúa na cidade da Coruña; esta é unha maneira de reivindicalos», asegurou o comisario da mostra.

Outonarte estará aberto ata o 7 de novembro.