Todo o ruído que fixo a «Limpeza de sangue»

Camilo Franco REDACCIÓN/LA VOZ .

CULTURA

A obra, premio Nacional de Teatro no 2007, finaliza hoxe o seu tortuoso camiño aos escenarios

02 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Esta noite remata unha viaxe e comeza outra. Limpeza de sangue, a obra de teatro de Rubén Ruibal, atravesou dous premios importantes e aínda necesitou de dúas sentenzas xudiciais e a decisión arriscada dunha compañía para que esta noite en Narón o texto do escritor nacido en Ribadeo atravese a liña que vai do papel ao escenario.

Limpeza de sangue sorprendeu ao xurado do premio Álvaro Cunqueiro, convocado naquela altura polo Igaem (agora Agadic), pola súa frescura esperpéntica e pola identidade máis ben outsider dos seus personaxes.

Gañou un premio que tiña entre a súa dotación facilitar a produción da montaxe da obra. A produción non foi realizada e Rubén Ruibal, como gañador, decidiu demandar á entidade das artes escénicas para que se cumprise o anunciado nas bases.

Nese camiño, Limpeza de sangue (que como libro foi publicado por Edicións Xerais) obtivo o Premio Nacional de Teatro dous anos despois de obter o Cunqueiro. Mentres a dimensión pública do texto medraba, seguían negándolle o escenario.

A primeira das sentenzas foi negativa para o autor, pero o recurso resolveuse esta primavera pasada e a Agadic decidiu acatar a sentenza. Para esa data, Rubén Ruibal tiña cedido os seus dereitos de representación a Espello Cóncavo, mentres a Agadic tiña previsto sacalo a concurso. Unha nova negociación debeu abrirse para que Limpeza de sangue iniciase a xira dos teatros.

A viaxe comeza hoxe e, segundo o seu autor, «nunhas condicións que eu considero boas porque algúns dos actores do reparto son nos que eu pensaba cando escribía». Rubén Ruibal asegura que está canso desa mala vida inesperada que tivo o texto e lembra que, como autor dramático, ten «tido moita máis sorte da que se pode calcular por Limpeza de sangue».

Arturo López é o director de Espello Cóncavo e asegura ter vivido unha experiencia negociadora algo estresante nos últimos meses. López sinala que aínda non é segura a cantidade da aportación definitiva da Agadic á produción, pero conta co compromiso firme da axencia para financiar unha montaxe cun reparto longo e unha produción cara «para os tempos que corren», arredor de 95.000 euros, dos que a compañía leva adiantados 30.000.

O director fala con moita admiración do texto escritor por Ruibal explicando que, para poder facelo ben, «precisariamos de 300.000 euros porque hai que ver a precisión das didascalias que fai». Para achegarse a esa precisión, asegura López, «fan falta moitos máis cartos dos que agora se poden permitir as compañías en Galicia».

Despois da estrea que terá lugar hoxe en Narón, a compañía ten algunhas datas previstas ata final de ano, pero o director espera que os galardóns ao texto e o seu carácter de esperpento de hoxe animen á contratación da obra.